Arrinca Dáte ao lote! na Biblioteca Ágora


Non vos ten pasado iso de estar vendo unha película, ou lendo un libro, ou escoitando un disco, e vírsevos á cabeza  algún outro lido, visto, escoitado … noutro momento, ao que por algún motivo vos lembra? Ou de estardes a gozar cun libro no que se fala doutro e entrarvos entón gañas de buscalo e lelo tamén? Ou de darvos conta das similitudes que somos quen de percibir entre un filme e un libro de diferentes épocas e contextos? Ese tipo de relacións subxectivas e que cadaquén de nós realiza en función do seu fondo de experiencias é do que parte a iniciativa Dáte ao lote! da Biblioteca Ágora, coa idea de ofrecer ás nosas usuarias e usuarios a posibilidade de descubrir -e contrastar – os vínculos que se poden dar entre  moitos dos materiais ben diferentes que temos no noso espazo.

Poñamos uns exemplos, para acabar de nos explicar mellor: a quen coñece o mito da caverna de Platón, non lle resulta familiar a trama de Matrix ou La sociedad del espectáculo de Debord? Quen goste dos cómics de Saga non revive doutra forma a historia de amor de Romeo e Xulieta? Quen veu a película Al otro lado, de Fatih Akin, non lle voltará á cabeza de se achegar a En vías de extinción ou a Dende o conflito, de María Reimóndez? Quen gostou de La gran belleza de Sorrentino non atopará semellanzas co clásico O Gatopardo, de Lampedusa, e coa Dolce Vita de Fellini? Quen ve Manderlay de Lars Von Trier non pensa nas consecuencias da dominación que se poden ler nas novelas de Chinua Achebe ou no auto-odio lingüístico de grande parte da nosa propia poboación? Non é doado sentir apetite por El cuaderno gris de Josep Pla ou polos Ensayos completos de Montaigne despois de ler Iñaki Uriarte? Non é sinxelo decatarse de que a rabia á América branca e racista do Boris Vian do Cuspirei sobre as vosas tumbas é moi semellante á dun certo rap -do que Public Enemy foron mostra inmellorada- que debuxou a diana dos seus versos sobre os mesmos obxectivos wasp?

Pois sobre este tipo de relacións é que se conformaron os primeiros 26 lotes cos que arrinca o programa Dáte ao lote! da Biblioteca Ágora.  Para explicarvos de maneira moi sintética e sinxela os contidos e o funcionamento dos mesmos, vai un breve FAQ con todo o que tedes que saber.

 

lote1  Espazo (4)

Que é Dáte ao lote?

Unha proposta da Biblioteca Ágora coa que podedes levar en préstamo lotes de materiais relacionados entre si.

Que leva cada lote?

Depende. Unha novela, una película e un cd. Un libro de ensaio, un cómic e un libro de poemas. Dous filmes e unha novela gráfica… As opcións son moitas e cada lote é diferente. Pero en todos eles hai sempre 3 documentos, gardados nunha mochila ben bonita co logotipo do programa.

Como creamos cada lote?

Os materiais de cada lote están relacionados entre si polo tema, pola forma de transladarnos unha idea, polo enfoque co que abordan unha mesma cuestión, …

Como se fai e canto dura o préstamo?

O préstamo de cada lote faise na nosa Biblioteca, aínda que tamén podes pedir o lote que che interese desde calquera outra das da rede municipal e mandámoscho a ela, se che resulta máis cómodo. A duración do préstamo é dun mes. E finalmente podes ver o contido de cada lote ao remate deste mesmo post.

Cóntanos que che parece…

Con cada lote vai unha enquisa de valoración, para sabermos a túa opinión e atendermos as túas propostas de mellora, e tamén un dossier con materiais complementares, para enriquecer a túa lectura.

Proba, e dáte ao lote!

Temos 26 lotes á túa disposición, todos eles ben interesantes e suxestivos.

 

Espazo (1) lote2

 

Agardamos que esta iniciativa que poñemos en marcha, e destinada ao público adulto, vos resulte de interese. Con ela son xa tres as posibilidades de préstamo en lote que temos na Biblioteca Ágora, en tanto a proposta Dáte ao lote! vén sumarse ao préstamo dos BBlotes e ao préstamo dos lotes de recursos de lectura, ambos vinculados co programa BBteca.

Queremos rematar este post dándovos a posibilidade de que coñezades directamente os contidos desta nova iniciativa. Botádelles un ollo e vinde pola nosa Biblioteca a por eles, estaremos encantad@s de atendervos!

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

About xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Posted on 22 Xaneiro, 2015, in A biblioteca recomenda, Novas, Xeral and tagged , , . Bookmark the permalink. 1 comentario.

Deixar un comentario