Manuel Álvarez Torneiro, primeiro Premio Nacional de Poesía para a nosa lingua.


Tamén quixemos, si, tocar o ceo / con estas mans humanas. E quixemos / gardar o mar para cando non houbera / e unha fiestra no núcleo do feitizo,  / un óboe na noite cando xa non quedaran / bágoas ou pombas,  aloumiñantes sedas, / e parira o marfil arritmias mortas, / certeiros navallazos de fatiga. /

Quixemos, si, entre Bach e a a crueldade / vencer a sombra do temor, ser altos / e luminosos fillos das fogueiras, / perfectamente puros, / empeñados no verbo e na tormenta. /

Quixemos, si, ser bos, ser simplemente bos, / tocar o peito anónimo do heroe, / ser carne e flor do canto máis cumprido, / verternos de resina nos orgasmos, / morrer de ter vivido dignamente.

Manuel Álvarez Torneiro, Fértil corpo do soño (1986)

M-AlvarezTorneiro1

A poesía galega continúa a recibir recoñecementos fóra das nosas fronteiras, sexa a través de valoracións críticas sexa a través de premios, como o que neste caso -o Premio Nacional de Poesía- recae na obra Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro.  A nova que coñecemos a pasada semana confirma a boa saúde da creación poética na nosa lingua, e supón un claro recoñecemento para a figura deste autor de perfil pouco ou nada mediático e de solvente, longa e sólida traxectoria. Como sinalaba o xornal Sermos Galiza, “o libro leva camiño de se converter no máis premiado da nosa historia literaria, co Premio da Crítica Española, o da AELG e o Ánxel Casal da Asociación de Editores.”

Para sabermos máis sobre a obra e o autor, resulta de interese achegarse á súa autobiografía publicada na BVG en 2002 e á páxina da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, onde podemos ver diferentes entrevistas.

About xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Posted on 17 Outubro, 2013, in Escritores, Novas and tagged , , . Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

Deixar un comentario