Arquivo do blog

Día das Letras Galegas 2014

O vindeiro 17 de maio, como cada ano, celébrase o Día das Letras Galegas e nas Bibliotecas Municipais xa temos preparada toda unha programación arredor deste festexo.

A figura homenaxeada este ano é o poeta Xosé María Díaz Castro, sobre o que podedes consultar mais información sobre a súa vida e a súa obra na Guía de lectura elaborada pola Biblioteca Municipal de Estudos Locais.

O poeta Díaz Castro

Ademais de distintas mostras bibliográficas organizadas nas nosas bibliotecas que abarcan a obra do autor homenaxeado, contamos coa wiki “Os mellores da lingua”, na que recollemos unha selección da nosa literatura en base a criterios de calidade e diversidade. A selección tamén a podedes consultar na guía de lectura Os Mellores da Lingua, que acompaña á mostra e podedes consultala e/ou descargala da nosa conta en Calameo. Animámosvos a que compartades con nós os vosos imprescindibles para ir enriquecendo a nosa selección.

Os mellores da lingua

Tamén organizamos unha serie de actividades para celebrar as Letras Galegas nas nosas bibliotecas e que complementan as mostras e a wiki:

— XOGOS LITERARIOS interactivos a cargo do colectivo Tinta Bacanal, na Biblioteca Municipal Os Rosales, o 13 de maio ás 19.00.

Xogos literarios

— RECITAL POÉTICO  “Con dez poemas por barba” da man de Lucía Aldao e María Lado, na Biblioteca Municipal Ágora o venres 16 de maio ás 19.00.

— SESIÓN DE CONTACONTOS “O neno e a estrela” da man de Fabaloba, na Biblioteca Municipal Ágora o luns 19 de maio ás 18.30. A sesión está orientada a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 9 anos e para asistir é preciso inscribirse previamente, hai un total de 30 entradas que se reparten de forma presencial no mostrador da biblioteca ata esgotar prazas.

— PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “Os camiños esquencidos” realizado polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, na Biblioteca Municipal Ágora o martes 20 de maio ás 16.30. Contaremos coa presencia do alumnado que elaborou o documental, así como tamén alumnos e alumnas de institutos convidados.

E ademais…

PHOTOCALL #m8mepresta na Biblioteca Municipal Ágora. Os días 14, 15 e 16 de maio en horario de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 podedes fotografiarvos cos libros e os lemas literarios que mais vos presten. Animámosvos tamén a que compartades con nós en redes sociais os motivos polos que vos presta ler na nosa lingua e os vosos lemas literarios preferidos, baixo o hashtag #m8mepresta.

Photocall m8mepresta

SORTEO DE LIBROS EN GALEGO na Biblioteca Municipal do Fórum. Do 8 ao 19 de maio con cada préstamo dun libro en lingua galega entregarase un boleto para participar nun sorteo dun lote de libros da literatura galega que terá lugar o luns 19 de maio ás 17.00. Temos preparado un lote de libros para os lectores adultos e dous para os máis pequenos, así que… animádevos a participar!!!

Advertisements