Arquivo do blog

Presentación da colección “Mulleres bravas da nosa historia”

O próximo mércores 1 de Febreiro ás 18:30 h. na Biblioteca Forum temos a presentación da colección “Mulleres bravas da nosa historia” de Urco Editora.

subir

 

Rosalía de Castro, María Victoria Moreno… Elas son as protagonistas dunha colección que pretende dar a coñecer a algunhas das mulleres exemplares da historia da Galicia aos máis pequenos.
Ademais de contar a biografía das protagonistas, os libros contarán con actividades para realizar coas nenas e nenos e cronoloxía, todo para axudar a valorar a achega das protagonistas á nosa cultura e ao noso país, ás veces ocultada polo feito de ser muller.
Todos os libros contarán coas ilustracións de Eva Agra e texto de diferentes autoras de renome, como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, María Reimóndez,

Encontro con María Reimóndez na Biblioteca Os Rosales

Cartel do encontro con María Reimóndez na Biblioteca Os Rosales o 24 de outubro

Nunha semana teremos o esperado encontro dos clubs de lectura “Café con libros” da Biblioteca Os Rosales coa escritora, traductora e activista María Reimóndez. O luns, 24 de outubro, Día das Bibliotecas, teremos a oportunidade de conversar cunha das autoras máis prolíficas das nosas letras.

Nos clubs de lectura xa limos e comentamos en cursos pasados “O club da calceta” pero non deixamos de ler a María Reimóndez con obras como: “Pirata”, “En vías de extinción”, “Dende o conflito”, “A música dos seres vivos”, ou a súa recente “A dúbida”. Falaremos de toda a súa traxectoria, adicada á novela, á poesía, á traducción, ao ensaio con temas como o feministo ou a busca de alternativas ao desenvolvemento pero tamén da súa faceta adicada á literatura infantil e xuvenil.

Trátase dunha actividade moi desexada por todas nós, xa que dende o 2004 que a comezamos a ler xuntas, non deixamos de seguirlle a pista de todo o que escribe. Será unha oportunidade única para conversar. A entrada é libre ata completar a capacidade. Animádevos a acompañarnos neste encontro!

Todos os días son #8m

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, un día para reflexionar acerca dos avances logrados, reivindicar mais cambios e celebrar a valentía e determinación de tantas e tantas mulleres que loitaron e loitan por avanzar na igualdade de oportunidades. Pero cada día é 8 de marzo, cada día dos 365 do ano é unha loita para reclamar os nosos dereitos, romper estereotipos e liberarnos dunha sociedade patriarcal que relega á muller a un papel secundario.

Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos a esta loita coa campaña #MulleresCoraxe, rendendo homenaxe a todas aquelas mulleres que, ao longo da historia romperon cos moldes que lles impoñía a sociedade na que viviron. O seu modo de ver e facer as cousas, as súas decisións e o seu traballo supuxeron un avance na defensa dos nosos dereitos.

E aproveitamos a ocasión para recomendar un lote de materiais, que forma parte da iniciativa Date ao lote! e que aborda historias de amor, resistencia e violencia nun mundo no que é preciso mudalo todo: Mulleres e activistas políticas.

mulleres_coraxe

O lote inclúe a novela de María Reimóndez En vías de extinción (Xerais, 2012), o poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através, 2013) e a película Al otro lado (2007), dirixida por Fatih Akin. Leva ademais un dossier con material complementario, que permite relacionar e ampliar contidos. Neste caso, unha entrevista a María Reimóndez e o artigo A xeración Nós-outr@s: mulleres e ensaio en Galicia, de Montse Dopico.

en_vias_de_extincion“Gaia, a protagonista desta historia, é unha deses persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante.

Un día, o seu traballo como intérprete fai que a súa traxectoria se cruce coa da cantante de máis éxito do momento. Daquela, todas as certezas que ela manexara semellan estar en perigo. Ou, se cadra, é nesa intersección onde as súas pólas de montañesa políglota e viaxada poden chegar ao máis fondo do ceo”.

teresa_moure

Este livro, que ainda não é,
nasce duma ferida palpitante,
da dor imensa de ver-me desamparada
logo de tantas ideias libertadoras
que pulam, aí onde estais, fora destes muros,
nas ruas, nos antros mal ventilados
que não se conformam com o ar assético da democracia
Mas, sobretudo, este livro
nasce duma ferida
carnosa e suave
que ciclicamente sangra
e que levo aberta
entre as pernas.”

al_otro_lado

“As fráxiles vidas de seis persoas crúzanse durante as súas viaxes emocionais cara o perdón e a reconciliación, entre Alemania e Turquía.

Nejat non mira con bos ollos a relación que o seu pai, Ali, mantén coa prostituta Yeter. Yeter morre inesperadamente, deixando a súa filla Ayten en Turquía. Ayten, lesbiana e activista política, escapa a Alemania onde é acollida por Lotte. Susanne, nai de Lotte, está en contra desta situación”.

Premio ao mellor guión no Festival de Cannes, 2007

Premio Lux do Parlamento Europeo para o Cine, 2007

Lembrade que podedes seguir a campaña Mulleres Coraxe nas redes sociais coa etiqueta #mullerescoraxe, podedes participar das actividades programadas nas distintas bibliotecas da rede e podedes seguir facendo as vosas achegas á nosa wiki colaborativa.

Animámosvos a compartir con nós as vosas mulleres coraxe!!

O club da calceta de María Reimóndez

No club de lectura dos luns empezamos o curso con moita enerxía. Xe levamos lidos La mano invisible, Botchan e esta semana rematamos O club da calceta de María Reimóndez. Lecturas todas elas ben distintas que dan para falar de temas variados, con diferentes estilos e voces. O que da lugar a tertulias moi moi ricas.

A obra

O club da calcetaSeis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora.

Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.

Reimóndez mantivo un blog sobre a novela, que escribiu entre novembro de 2008 e maio de 2009. Nel podedes atopar máis información sobre O club da calceta.

A autora

María ReimóndezMaría Reimóndez naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. Como escritora o seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Ed. Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Ed. Positivas, 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Xerais, 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais, 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano e o castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. Tamén ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest. En época máis recente publicou para o público infantil Lía e as zapatillas de deporte (Xerais, 2008) -Premio Frei Martín Sarmiento 2010-, O Monstro das palabras (Xerais, 2009) e Volvo! O regreso de Usha (Xerais, 2014); e para público adulto as novelas Pirata (Xerais, 2009) e En vías de extinción (Xerais, 2012), traducidas ao italiano e ao castelán respectivamente. No 2013 regresou á poesía coa publicación de tres poemarios: Presente continuo (Xerais, 2013), Moda Galega Reloaded (Ed. Positivas, 2013) e kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio, 2013). Tamén no 2013 veu a luz o seu primeiro volume como ensaísta en colaboración con Olga Castro no libro Feminismos, que fai un percorrido ameno e divulgativo sobre os feminismos no mundo. En solitario publicou novamente en 2014 A alternativa está aquí (Xerais, 2014). No 2014 gañou o XXXI Premio Xerais de Novela por Dende o conflito (Xerais, 2014) e o XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz con A dúbida. Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños (Galaxia, 2007) de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego. En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.

Por outra banda, é fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.

Recentemente, coa promoción da novela Dende o conflito, podemos ler e mesmo escoitar interesantes entrevistas a Reimóndez. Finalmente, deixámosvos cun anaquiño da película, dirixida por Antón Dobao:

O luns 17 de novembro, acabaremos de falar desta estupenda novela e mellor autora e entregaremos Tokio Blues de Murakami.

Só resta recordarvos, que o tamén luns, 1 de decembro, poderemos gozar da poesía de Reimóndez, dentro do ciclo Poetas Di(n)versos do Centro Ágora.