Arquivo do blog

Estamos de volta, queeruñxs!

Xa é un feito. Esprememos os últimos días do verán despedíndonos das cervexas no chiringuito, retomando rutinas case esquecidas e poñendo en marcha aqueles “propósitos de emenda” persoal que xurdiron durante as vacacións. E aínda non sabes se apuntarte a crossfit, estudar chinés ou tomar clases de cociña tailandesa, que sona ben cool. Pois ben, se o teu plan de mellora persoal inclúe ademais ansias lectoras, nas Bibliotecas Municipais temos moito que propoñer. E coñecéndonos, de seguro que nuns meses xa non poderás abandonarnos.

logo

Un curso máis, o club de lectura QUEERuña volve ás bibliotecas. O primeiro clube LGTBi de Galicia comeza o seu segundo ano de andaina coas mesmas ansias de diálogo e variedade de escenarios. Así, ás habituais sesións presenciais (que serán o terceiro mércores de cada mes ás 19 h na Biblioteca Ágora) sumaranse actividades extra, encontros con autores e quedadiñas varias (tamén para tomar cañas, eh, que non todo vai ser ler!). Un grupiño aberto a todas aquelas persoas interesadas en coñecer, conversar, analizar, descubrir… en desfrutar, resumindo, de materiais que procuran visibilidade e respecto ante a diversidade sexual e de xénero. Que por moito que digan, non hai nada mellor que a información para superar prexuízos.

mosaico

Velaquí algunhas das lecturas analizadas durante o primeiro ano de vida do club, dispoñibles no Cascarilleiro, o catálogo en liña das Bibliotecas Municipais.

A curto prazo poderanse consultar no blog do club as lecturas para este novo curso, pero mentres, para xs máis curiosos, adiantamos a primeira lectura confirmada: Fun home, de Alison Bechdel.

Que?!? Non te vas a unir? O primeiro encontro is coming e quedan poucas prazas!! Preme aquí e ven a formar parte da familia queeruña!

Advertisements

Simplemente sé tú mismo: George

“Para ti, que tantas veces te sentiste diferente”

(dedicatoria de Alex Gino no comezo do libro)

 

 

 

 

Qué se pode esperar da vida cando percibes que os demais te ven dun xeito completamente distinto a o que ti es e te sentes? Pois algo así pensa a protagonista da segunda lectura de ElClú 2017. George é unha nena atrapada no corpo dun neno. Unha nena moi sensible, que sofre bullying na escola por non pertencer ao estereotipo do que os demais consideran ‘normal’. Pero sobre todo é unha persoa que cre que nunca poderá dicirlle ao mundo que en realidade é unha nena.

“—Soy gilipollas —dijo Kelly—. No eres una niña.

—¿Y qué si lo soy?

Kelly retrocedió sorprendida.

—¿Qué? Es ridículo. Eres un niño. Bueno… —Señaló vagamente por debajo de la cintura de George—. Tienes «eso», ¿no?

—Sí, pero… George se quedó sin palabras y miró al suelo. Dio una patada a una piedra, que fue a parar a una mata de hierba. No se sentía un niño.”

Todo comezará a cambiar grazas á axuda da súa mellor amiga Kelly, e dun pequeno arácnido chamado Carlota ¿sóavos de algo? Si, estamos a falar da protagonista da obra do Premio Pulitzer, E. B. White  ‘A telaraña de Carlota’.

Alex Gino

Georges é a primeira e única novela publicada de Alex Gino, escritor involucrado no activismo transxénero desde fai máis de vinte anos. Como el mesmo di nunha entrevista comezou  a escribir George en 2003, pero tivo que esperar ata dez anos para descubrir que existía certo interese social necesario na temática LGBT+ para publicalo. Nestes intres está a traballar nunha segunda novela que de seguro nos conquistará novamente.

 

Aproveitamos a lectura deste libro para coñecer un novo servizo da nosa cidade, ‘Espazo Diverso’ (Espazo Municipal das Diversidades Sexuais e Identidades de Xénero). Nunha primeira toma de contacto fomos nós ao seu local, e recibiunos Pablo Andrade.

Explicounos que este servizo municipal está dirixido a todas as persoas que precisan información e asesoramento sobre saude afectivo-sexual, e ofrecen tamén recursos á poboación lesbiana, gai, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI) da cidade. Están a facer distintas actividades como talleres, grupos de apoio LGTBQI, ou vídeo forum sobre esta mesma temática.

Ademais, e como exemplo dos videoforum que organizan visionamos a curta da realizadora galega Peque Varela ‘1977’

Nunha segunda sesión foi Marisol Insua a que veu á nosa Biblioteca a impartir unha Charla-Obradoiro sobre diversidade e saúde afectivo-sexual. Unha pena que coincidira en plena época de exames, pois a rapazada que asistiu quedou encantada có debate, e, por suposto con Marisol.

 

E ata aquí o que deu de si a nosa lectura de ‘George’. Lembrade que podedes atopalo nas nosas Bibliotecas, e para facervos a boca auga, dúas das nosas clubeiras, Mariña e Celia, van animarvos á súa lectura:

 

Ademais, recordarvos que nas Bibliotecas Municipais unímonos á campaña municipal “Vive a túa Cor. Sexualidades Diversas, Identidades Libres” co obxectivo de reivindicar os dereitos e visibilizar ao colectivo LGTBQI. De que xeito? pois….

 

Isto é todo de momento. Vémonos en ElClú. E como dirían Georges e Kelly: “Un, dos, tres, CAñaaaaa!

 

#LeConOrgullo nos clubs de lectura

O 28 de xuño é o Día do Orgullo LGBT (lesbiana, gai, bisexual e transexual), tamén coñecido como Día do Orgullo Gai, é unha serie de eventos que cada ano os colectivos LGBT celebran de forma pública para instar pola tolerancia e a igualdade dos gais, lesbianas, bisexuais e transexuais.

Dende xa hai uns anos as Bibliotecas Municipais da Coruña vólcanse nunha serie de actividades que esta semana iremos adiantando.

AS MUNICIPAIS ENTENDEN:

Os fondos das bibliotecas son (e deben ser) un fiel reflexo da sociedade e moi especialmente das comunidades ás que prestan servizo de proximidade. Como bibliotecas, e como bibliotecarixs, debemos ser partícipes, e mesmo impulsorxs, dos procesos de erradicación de toda manifestación excluínte, optando sempre por unha vía integradora da diversidade.

Calquera persoa que se achegue a unha biblioteca pública buscando información sobre o feito homosexual, bisexual e transexual require de nós unha resposta eficiente. Esta resposta debe traducirse nunha integración total de materiais que toquen a temática LGTB nas nosas estanterías e, ademais, no ciberespazo.
É por isto último que nace esta wiki de cores: para contribuír e apoiar á comunidade LGTB na súa loita polo respecto.

OS CLUBS DE LECTURA:

Son moitas as persoas que participan nos clubs de lectura das Bibliotecas Municipais, moitas e con moi diversos intereses. E precisamente por esa diversidade, a experiencia resulta enriquecedora e satisfactoria. Intercambio de opinións, vivencias, puntos de vista en torno ás vidas ficticias de personaxes que salen do papel e viven fora da ficción, e que no fondo son reflexos ficcionais de personaxes que, en maior ou menor medida, crúzanse nas nosas vidas no día a día.

Dende as Bibliotecas Municipais queremos invitarvos a participar dunha sesión especial do Clubs de Lectura o mércores 25 de xuño na Biblioteca Forum Metropolitano da Coruña, a obra elexida para a ocasión será El azul es un color cálido de Julie Maroh, editado en España por Dibbuks:

El azul es un color cálido, Julie Maroh:

Clementine é unha adolescente sen problemas. Chega do campo para integrarse nun instituto no que sente a gusto. Un día crúzase na rúa cunha parella de mozas. Unha leva o pelo tinguido de azul, e sorrille, mentres Clementine baixa a vista. A partir deste preciso momento todo vai cambiar para ela: a súa relación cos seus novos amigos, o seu sitio na familia, as súas prioridades? e sobre todo a súa sexualidade. É difícil saber que aspecto ten o amor. Ás veces doe e sempre hai obstáculos no camiño. Pero unha calor inabarcable instálase no estomago, que che fai vibrar e empúxache a superarche.

A autora conseguiu cativar ao público e á crítica, conseguindo varios premios como os de Mellor Obra por votación popular e Autor Novel no Festival de Angoulême e o de Mellor Autor Novel no Salón do Cómic e das Artes Gráficas de Roubaix, (Francia).

No noso blog especializado en Cómics, Fancomic.es, temos una reseña propia.

 

Para participar na sesión especial dos Clubs de Lectura o mércores 25 de xuño na Biblioteca Forum Metropolitano da Coruña, tes que confirmar asistencia antes do venres 20 de xuño, no email bforum@coruna.es