Arquivo do blog

Día do libro 2017: unha chea de actividades

O próximo domingo 23 de abril celébrase a nivel internacional o Día do Libro, unha conmemoración que ten por obxectivo o fomento da lectura e que coincide co falecemento de Miguel de CervantesWilliam Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega no ano 1616.

As bibliotecas únense a esta celebración cunha chea de actividades. O luns 24 de abril poderás levar en préstamo tantos libros, CDs, revistas, etc… como queiras! E ademáis dende o 17 e ata o 25 de abril, nas bibliotecas organizamos unha morea de actividades e inauguramos un novo servizo para festexar esta data tan especial, ademáis das mostras e exposición de libros, e dos programas habituais como Bebencontros, Canto Conto, Merendas con Contos e Biblioteca Verde.

 

Tomade nota:

 

Advertisements

CONCURSO ‪#‎MeuLibro‬

– Que si, un lote completo!!!
– Nas biblios?
– Claro, o día 23 é o Día do Libro e dende ElClú pensamos que qué mellor xeito de celebralo que compartir as nosas lecturas participando no concurso que facemos.
– Que boa idea! E que dis que hai que facer?
– Fácil! Empregas o hashtag #meulibro e compártelo nas redes.
– E que teño que dicir?
– Pois o libro que esteas a ler, o que máis che gustou ou que recomendarías…
– Vale, e que dis que hai que poñer?
– #meulibro
– Ah! Pois voulle sacar unha foto e compartilo agora mesmo no Instagram das Biblios!

Xa vedes, na Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, ElClú celebra o#‎DíadoLibro‬ cun concurso para conseguir un lote sorpresa de libros e materiais multimedia a través das redes das Bibliotecas Municipais (Facebook, Instagram, Twitter…) indicando cal é o #meulibro. Só tedes que subir o título ou portada do libro que queirades entre hoxe 21 ata o xoves 29 de abril. O venres 30 de abril farase o sorteo e publicarase o nome d# afortunad#

E se tedes dúbidas de cal escoller (sabemos que non é doado) na Biblioteca Infantil e xuvenil (Durán Loriga) temos unha mostra celebrando os aniversarios de Cervantes e Shakespeare que poden dar pistas!!!

IlustrArte na Biblioteca Forum

Cartel IlustrArte_sen actividades-001

A Real Academia de Belas Artes, vén de declarar o 1 de abril o Día das Artes Galegas, este ano adicado a Castelao. Porén quixemos rendirlle unha pequena homenaxe ó máis célebre dos nosos ilustradores cunha mostra adicada aos ilustradores galegos, na que atoparedes unha pequena selección do traballo de moitos destes artistas.

E é que xa o dicía Manel Cráneo:

“Dedicarse á ilustración en calquera dos seus afluentes foi sempre unha opción ligada á incomunicación debido ao illamento que supón traballar por conta propia…”.

Entre abril e xuño na Biblioteca do Fórum Metropolitano atoparedes unha mostra bibliográfica e unhas actividades coas que pretendemos dar maior visibilidade a estes profesionais, destacando a labor levada a cabo pola AGPI, que leva dende o 2003 procurando crear “conciencia de grupo e polo tanto de non traballar na soidade”.

Nestes meses tamén estarán presentes datas sinaladas, como o día do Libro Infantil e Xuvenil, o Día do Libro e o Día das Letras Galegas, ano adicado a Manuel María.

Ilustradores de antes e de hoxe, reunidos nesta pequena selección e que podedes atopar nos fondos das Bibliotecas Municipais da Coruña. 

 

Actividades dentro da programación da mostra “IlustrArte”

Cartel IlustrArte_con actividades

.: Obradoiro-Creativo “Os Pelelliños” con Anxo Fariña
20 de abril ás 18:30h. (para nenos de 4-6 anos) Require inscrición
Obradoiro de ilustración para estes máxicos personaxes da man do seu creador, inventar novas historias e deseñar novos pelelliños cunha chea de debuxos e risas.

.: Ilustrando coa Escola Pablo Picasso
27 de abril a partir de 11:00h. (para todos os públicos) Entrada libre
Ilustrando en directo cos profesores Mario e Clara e os alumnos do módulo de Ilustración da Escola Pablo Picasso

.: Ilustrando Ando con Irene Sanjuán
11 de maio ás 19.00h. (para todos os públicos) Require inscrición
Clase maxistral de Ilustración con Irene Sanjuán

.: “A casa de Manuel María” con Teatro Babaluva
18 de maio ás 18:00h. (para nenos de 5-12 anos). Require inscrición
Coñeceredes o mundo poético de Manuel María e o recrearedes ao voso xeito nun libro despregable

.: Faladoiro con Antonio Seijas
8 de xuño ás 19:00h. (para todos os públicos) Entrada libre
Antonio Seijas falaramos dos seus álbumes e amosará imaxes de moitos dos seus traballos

Podedes seguir todas as noticias relacionadas con esta mostra co hashtag #IlustrArte

 

23 de abril Día do Libro

O próximo xoves 23 de abril celébrase a nivel internacional o Día do Libro, unha conmemoración que ten por obxectivo o fomento da lectura e que coincide co falecemento de Miguel de CervantesWilliam Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega no ano 1616.

Dende o ano 2001 un comité de selección, integrado por representantes da Unión Internacional de Editores (UIE), a Federación Internacional de Libreiros (FIL), a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios (IFLA) e a UNESCO, elixe unha cidade que realiza durante todo o ano actividades en torno ao libro. Este ano 2015 esta honra recae sobre a cidade de Incheon (Corea do Sur).

As bibliotecas únense a esta celebración cunha chea de actividades. O xoves 23 de abril poderás levar en préstamo tantos libros, CDs, revistas, etc… como queiras! Haberá reparto e agasallo de libros e un Batallón literario visitará o entorno das nosas bibliotecas percorrendo toda a cidade!

Na biblioteca Forum Metropolitano en concreto os actos extenderanse dende o mércores 22 de abril até o venres 24 de abril.

Mércores 22 de abril:

Rata linda de Compostela: contacontos especial polo Día do Libro.

contacontos san diego

Ás 18:30 para nenos e nenas de 2 a 8 anos no Centro Cívico San Diego, precísase inscrición previa que se fará no propio centro.

O persoal da biblioteca do Forum será o encargado de contar os contos Un cuíño independente, El huevo más bonito del mundo e Rata Linda de Compostela no Centro Cívico San Diego onde xa temos establecido un punto de lectura.

Xoves 23 de abril:

Inauguración do Punto de Lectura no Centro Cívico de Palavea

 Ás 12 H.

Este novo punto de lectura enmárcase dentro das actividades de acción no barrio e súmase aos xa existentes da Casa do Mar, Centro Cívico San Diego e Santa Lucía.

quijote ¿Te atreves a leer El Quijote?

A partir das 9 H. e ata as 19:30 todo aquel que queira pode achegarse para facer a lectura en voz alta da obra El Quijote.

Clausúrase asi o ciclo ¿Te atreves a leer El Quijote? que se veu celebrando os mércores do mes de marzo e abril, a cargo do profesor Antonio Couto. Onde os participantes foron invitados a achegarse a esta obra, a entendelo entre todos e a interpretar a súa actualidade no noso século XXI así como a valorar por que segue sendo un best seller de verdade.

Charla coloquio coa escritora Nieves AbarcaCharla-coloquio Nieves Abarca-foto

Ás 19:30 h. na sala de adultos

A creadora da inspectora Valentina Negro, e autora, xunto a Vicente Garrido, da triloxía Crimes exquisitos, Martyrium e El hombre de la máscara de espejos. Nieves Abarca fará un percorrido polos espazos e as rutas das súas tres novelas, pero sobre todo falaranos do seu último libro El hombre de la máscara de espejos, que nos ofrece unha historia moi intensa, sinistra, tenebrosa, capaz de producir medo. Unha novela trepidante, que che engancha e non che deixa ata o final.

 Venres 24 de abril:

Botín miseria_Lino Braxe-page-fotoPresentación do libro “O Botín da Miseria” de Lino Braxe

Ás 19 H. na sala infantil da biblioteca.

Lino Braxe ofrécenos unha visión obxectiva e real do mundo no que vivimos caracterizado por fortes contrastes que veñen marcados polo simple feito de nacer en lugares da terra diferentes. Coma se dun espello de dúas caras se tratase, o libro reflicte a “miseria” da infancia do Terceiro Mundo e o “botín” que envolve a do noso Primeiro Mundo. Os Dereitos de Autor desta obra están destinados integramente á fundación “Tierra de Hombres”. No acto intervirán ademáis Raúl Besada, delegado en Galicia da fundación e a actriz Manuela Varela.

Do 27 de abril ao 2 de maio haberá unha exposición fotográfica no vestíbulo do Forum Metropolitano para dar a coñecer a campaña “Destino incierto, protección de la niñez en movimiento” levada a cabo pola Fundación “Tierra de Hombres”.

Únete e celebra con nós o Día do Libro!!

 

Actividades para o Día do Libro 2014

Un ano máis as Bibliotecas Municipais da Coruña non podemos deixar que pase o 23 de Abril sen honrar como se merece ó libro e a lectura. Este ano, ademáis de adicar un especial á literatura en galega, onde recomendamos libros e autores contemporáneos que podedes atopar nas nosas bibliotecas,  imos volver demostralo coas seguintes actividades que se desenvolverán nas nosas bibliotecas.

As Bibliotecas Municipais celebran o Día do Libro

As Bibliotecas Municipais celebran o Día do Libro

Tomade nota:

 

  • 22 de Abril 19.00 horas na Biblioteca do Forum Metropolitano: Recital de Poesía de Lucía Aldao e María Lado: Con dez poemas por barbaAldao e Lado presentan un recital de poesía ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo. Durante o recital hai música en directo, xogos, historias, momentos de reflexión…
    Lucia Aldao e Maria Lado. Imaxe tomada do blog de Xoán Crespo

    Lucia Aldao e Maria Lado. Imaxe tomada do blog de Xoán Crespo

     

  • 23 de Abril na Biblioteca do Forum: Atreveste a ler El Quijote? Gozaremos coa lectura da obra de Cervantes, no seu contexto histórico e literario coma unha homenaxe á novela. 

  • 23 de Abril entre ás 11.30 e ás 18.30 horas nas Estacións de Tren e Buses: As bibliotecas agasallan libros nas estacións de tren, buses e aeroporto

    As Bibliotecas agasallan todos os anos libros nas Estacións de autobuses e tren.

    As Bibliotecas agasallan todos os anos libros nas Estacións de autobuses e tren.

     

Disfrutade deste 23 de abril, Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor o cal desde a súa declaración pola UNESCO en 1995, aglutina moitas vontades, como a da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova quen, na súa mensaxe para este ano 2014 afirma:

«…A nosa finalidade está clara: alentar aos autores e artistas e velar por que a alfabetización e os formatos accesibles cheguen a máis mulleres e homes, porque os libros son as nosas ferramentas máis poderosas para erradicar a pobreza e construír a paz.»

Recital de Poesía de Lucía Aldao e María Lado: Con dez poemas por barba

Cartel Aldao-Lado

 

O martes 22 de Abril ás 19:00 h. na Biblioteca Forum Metropolitano, dentro das actividades do Día do libro, temos a sorte de asistir ao recital de poesía de Lucía Aldao e María Lado: Con dez poemas por barba.

Acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

Para Lucía Aldao e María Lado a lectura de poesía non pode ser algo que adormeza ao espectador. Así, presentan un recital ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co público. Consta de música en directo, xogos e historias, pero sobre todo hai comunicación poética pura e verdadeira. É un espectáculo para emocionar a aqueles que odian a poesía.

Despois de títulos como “Onde estea un cubalibre que se quite un soneto“, “Moita poesía, pouca diversión”, Aldao e Lado presentan “Con dez poemas por barba”, un recital dos poemas máis significativos de Aldao e Lado, no que contan os seus máis hilarantes experiencias como poetas, rin das súas miserias líricas e cantan as súas cancións preferidas.

Recomendacións literarias en galego no mes do libro

Estamos no mes do libro e queremos recomendar unha serie de obras de literatura galega para agasallar e acertar.

Recorda que nas Bibliotecas teñen en marcha unha inicitiva de recomendacións  literararias, musicais e cinematográficas vía Twitter, coa nosa conta @bibcoruna, baixo o lema COLABORA CON NÓS!  e co hashtag #recomendamosbmc os tuiteiros poden manifestar os seus gustos e compartir as súas preferencias.

As nosas recomendacións son:

A memoria da choiva

Pedro Feijoo Barreiro

Xerais

Cando Xosé Carneiro, coñecido psicanalista e polémico colaborador televisivo, aparece co peito aberto no seu piso da compostelá rúa República do Salvador, son dúas as cousas que chaman a atención do xornalista Aquiles Vega e da profesora Sofía Deneb. A primeira é a brutalidade, a violencia extrema con que o crime foi levado a cabo. A segunda, ese detalle que non encaixa na escena: unha estraña peza de ferro chantada no corazón. En realidade, a de Carneiro non é máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que Aquiles terá non só que comprender que é o que está pasando, senón cal é o papel que en toda esta historia xoga un dos nomes máis importantes da nosa literatura, aquel sempre rodeado de misterio e escuridade. E, sobre todo, terá que saber quen é Adriano… Logo do éxito recibido pola súa primeira novela, Os fillos do mar, regresa Pedro Feijoo cunha nova aventura, desta volta chea de versos, de sangue, de amor e de odio, pero mantendo intacta a súa máxima por bandeira: ante todo, o entretemento e o pracer de lectores e lectoras.

Ámote Leo A. Destino Xalundes

Rosa Aneiros

Xerais

Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os estudos universitarios. En cambio, todo se esborralla uns meses antes de partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer mundo pode máis que todos os medos. Por fin, unha mañá de xaneiro fai oídos xordos ás advertencias familiares e toma un avión con destino ao sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos. Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes no que os seus pés a levarán moito máis lonxe do que nunca imaxinara.

 

Cadeas

Xabier López López

Xerais

Nun porto afastado, Manuel Antonio mantén unha fermosa historia de amor cunha sorprendente muller á que coñeceu grazas a un estraño navegante chamado Joseph Conrad. Un rapaz de 15 anos relata a época en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila. Dous grupos de mozos provocan unha trifulca durante unhas festas patronais ao inicio da Transición. O músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú establecen unha engaiolante historia de amor… Cadeas é unha novela de novelas.

O corazón da Branca de Neve

Francisco Castro

Galaxia

Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia

Esta é unha novela policial e de suspense que xira arredor das pescudas do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza inmigrante. Mais é tamén unha novela arredor das bandas criminais que fan negocio cos seres humanos. Polo medio, intriga e tensión narrativa para unha historia que pode estar acontencendo agora mesmo en calquera das nosas cidades. Un reto para un inspector canso e sagaz, ante o caso máis difícil da súa carreira de investigador.

 

O derradeiro libro de Emma Olsen

Berta Dávila

Galaxia

VII Premio de Narrativa Breve Repsol

Emma Olsen afronta os seus derradeiros meses de vida afectada por unha enfermidade terminal e sabe que a morte non tardará en chegarlle. Mais Emma Olsen é escritora, e decide dedicar o tempo que lle queda a rematar unha novela que non é exactamente unha novela, senón unha crónica en primeira persoa dos anos máis importantes da súa vida, os do final da adolescencia. Escribe para revelarnos unha historia de segredos agochados moito tempo. E por iso regresa a Faith, a pequena cidade perdida do Medio Oeste norteamericano na que naceu, un lugar no que semella non acontecer nada interesante nunca, mais que garda, soterrado, un universo de mentiras e conflitos entre os seus poucos e singulares habitantes.

 O elefante branco

Xesús Fraga

Tambre

O que ía ser un verán sen sobresaltos, verase transformado nunha aventura grazas a uns avós pacientes, un curmán mentireiro e un vello mago que agocha antigos segredos. Na súa compaña, o mozo protagonista desta novela irá descubrindoos ata mesmo remontarse a un decisivo episodio da II Guerra Mundial. Unha novela na que habitan ilusionistas capaces de deter balas cos dentes, belas damas que traballan para o servizo de espionaxe, trens nocturnos e automóbiles de luxo. Unha historia sobre as ilusións e as materias, as verdades e as certezas, e a capacidade de soñar para conseguir aquilo que desexamos.

width=O Castañeiro de Abril

Antonio Fraga (Autor)
Antonio Seijas Cruz (Ilustrador)

Xerais

Premio Merlín de Literatura Infantil 2013

Buto, o zapateiro, conta a historia do seu amigo Baltasar, un rapaz de once anos, cego de nacemento e orfo de nai, que vive coas súas tías, Olegaria e Berenguela, dúas xemelgas moi antipáticas e un pouco malvadas. Acompañado do seu can, Barriga Branca, Baltasar vende na praza dos Zoqueiros soldadiños e bailarinas de madeira, labradas coa súa navalla, coa intención de xuntar cartos para reunirse co seu pai. A aparición na praza do Castañeiro de Abril provocará un xiro na súa vida e unha chea de acontecementos que trastornan a vida da xente do seu barrio. O Castañeiro de Abril é unha historia de superación dunha dignidade tremenda e dunha afouteza extraordinaria. Unha reivindicación das cousas miúdas, que adoitan ser a principal orixe dos nosos desgustos e das nosas maiores satisfaccións.

https://i2.wp.com/i.huffpost.com/gen/1394691/thumbs/o-POESA-570.jpgOs ángulos da brasa 

Manuel Álvarez Torneiro

Kalandraka

Premio Nacional de Poesía 2013

Consta de 67 composicións divididas en tres apartados -Trama de vida, Terreal e sagrado, e Tapiz de cinza- nas que Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) “reflexiona sobre a cotidianeidade, debulla emocións íntimas e pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra”. Un poemario que xa foi galardoado co Premio Nacional da Crítica na categoría de Poesía en Lingua Galega, o Premio Angel Casal e o da Asociacion de Escritores en Lingua Galega.

width=Nimbos 

Xosé María Díaz Castro 

Galaxia

Letras Galegas 2014

Nimbos é un libro breve, que consta de 32 poemas, agrupados en sete epígrafes (“Pórtico”, “Noite”, “Lus”, “Espranza”, “Milagre”, “Sono”, “Ferida”) que, con todo, amosan unha grande coherencia e homoxeneidade, como propia dun autor maduro e de elaboración poética moi demorada. A súa lingua é coidada, se ben incorpora moitos dialectalismos chairegos, que o propio autor aclara nun glosario final tanto en Nimbos como noutras entregas poéticas. Obra reveladora da extraordinaria forza expresiva do seu autor, que ilumina a carga que o poema leva dentro.

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podes encontrar estas obras, consulta a súa dispoñibilidade no Catálogo:

catalogo

A Coruña: un escenario de novela

A Coruña ao longo da súa historia constituíu tema ou foi escenario de novelas, relatos, contos…de escritores que lle dedicaron a súa imaxinación e as súas palabras, de maneira que se podería falar dunha A Coruña literaria.

Cartel Mes do Libro 2013

Con motivo do Día do Libro, nas nosas bibliotecas podes atopar unha escolma de libros e películas que teñen á nosa cidade entre as súas páxinas e escenas. Libros e películas que  convidamosvos a lectores e visitantes das nosas Bibliotecas a levalas en préstamo e pola contra pedimosvos que nos axudedes a mellorar e ampliar esta selección que podedes atopar na nosa wiki “A Coruña, un escenario de novela”Un amor pequeño de Alejandro Gándara, Contos da Coruña de Xurxo Souto, La cruz de San Andrés de Camilo José Cela, La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, Crímenes exquisitos de Nieves Abarca… 

Mostra bibliográfica:

Mostra bibliográfica: “A Coruña un escenario de novela”

Que títulos botas en falta? que obra ambientada na Coruña esquecimos na nosa selección?

DÍA DO LIBRO: un xeito de celebralo

A estas alturas ninguén se sorprende da paixón que desde as Bibliotecas Municipais da Coruña poñemos no libro e a lectura. Este ano imos volver demostralo coas actividades que tradicionalmente desenvolvemos no DÍA DO LIBRO e con outras novas que poñemos en marcha este ano por vez primeira.

.: Quedada lectora
Recordades a quedada lectora doutros anos? Nesta ocasión intentaremos ser máis e, se cadra, ler aínda máis alto para que nos escoiten ben lonxe! Infórmate de todo e non nos faltes.

.: Consultorio de lectura
Desde o venres 19 abriremos as portas do xa clásico Consultorio de lectura no que compañeiros expertos en cómic, literatura infantil, narrativa de terror, romántica, etc “recetarán” lecturas que alivian doenzas. Xa sabes: se tes algunha necesidade lectora ou unha leve dor literaria pásate por alí, os nosos bibliotecarios de cabeceira e os especialistas acabarán con elas.
3478938729_51a1a35d33

.: Libros nas estacións de tren, buses e aeroporto
Repartiremos libros entre os viaxeiros entre as 12 e as 18 horas.

.: Visitas guiadas
Durante toda a semana as Bibliotecas Infantil e Xuvenil e Estudos locais convídannos a unha serie de visitas guiadas para descubrir os tesouros literarios infantís e o pasado e o futuro da nosa cidade, respectivamente.

Como novidade do 2013, entre as 19 e as 20 horas teremos, tamén no Obelisco:
.: un photocall no que ti serás a nosa estrela. Farémosche unha foto que despois poderás descargar desde a web
.: soltaremos ao aire globos con mensaxes. Achégate e elixe a túa
.: libros libres. Sabes que é o bookcrossing? Achégate e descúbreo.

Actividades diversas e, esperamos, para todos os gustos nas que contamos con vervos a todos

Manifestación pública a favor de la lectura

Un año más, enmarcado en las celebraciones con motivo del Día del Libro,  las Bibliotecas Municipales de A Coruña organizan una manifestación a favor de la lectura, “Todos a una: leyendo juntos”, en donde pretendemos una imagen ilídica: toda una ciudad leyendo al mismo tiempo.

Si piensas que la lectura es algo atractivo, necesario, divertido, que cura, que ayuda, que… Si piensas que es un preciado tesoro que hay que conservar, potenciar, reivindicar… no faltes!!!
Un año más vez en la ciudad el GRAN CORO LECTOR!

Tomad nota, os vemos el Lunes a las 19.00 para leer durante unos minutos en favor de la lectura, todos a una!

Y si aún dudas si merece la pena o no asistir, mira cómo nos lo pasamos en la anterior “kedada” y dinos de verdad si no te apetece repetir???