Arquivo do blog

Camino de sirga, de Jesús Moncada

Camino de sirga é unha das novelas máis destacadas da lingua catalá do século XX. Gañadora do Premio Nacional de la  Crítica de Narrativa catalana,  e Premio Ciutat de Barcelona  en 1988, e finalista ao Premio Nacional de literatura en 1990,  foi traducida a mais de dez idiomas, entre eles o galego, e obtivo un  amplo  recoñecemento entre o público lector.

 

O seu autor, Jesús Moncada (Mequinenza 1941-Barcelona 2005) foi que de crear un universo literario recorrente na súa obra literaria, ao redor da súa vila natal, Mequinenza, e do río Ebro que baña as súas terras. Río e vila quedaron unidos e atrapados para sempre coa construción do encoro de Mequinenza, o Mar de Aragón, entre 1955 e 1963. Baixo as augas do pantano desaparecerán as rúas, prazas, muros, casas, e lugares de traballo e diversión da vila.

A través da avalancha de recordos que asaltan ós  habitantes do pobo durante a súa demolición, Moncada rescata do esquecemento gran parte da historia de Mequinenza. A historia dun pobo mineiro e comercial que viviu da extracción do lignito e do seu transporte a través do Ebro en laúdes, barcos de vela que, cando o vento era desfavorable, eran arrastrados por homes que tiraban deles con fortes cordas de esparto – sirgas –  desde a beira do río. Un pobo que, comos tantos outros, vivirá os grandes acontecementos que sacudiron a España e o mundo enteiro durante o  século XX: a Primeira Guerra Mundial,  a instauración da Segunda República, a Guerra Civil e posterior represión do franquismo…

 

Pero mais alá da reconstrución da historia desta vila ameazada de morte, Moncada recompón a memoria colectiva dos seus habitantes. Combinando pasado e presente, memoria e destrución, realidade e ficción… Moncada fai desfilar polas páxinas do seu libro multitude de anécdotas, nostálxicas, cómicas, e ás veces amargas, vividas polos veciños da vila: Arquimedes Quintana, navegante republicano, personaxe mítico que paga todos os anos unha misa para a salvación da alma do musulmán ó que deu morte na Batalla de Tetuán;  Aleix de Segarra,  o pintor que escapando dun futuro incerto atopa un destino cruel; Carlota de Torres,  representante da alta burguesía e do poder; Honorat del Café, a viúva de Segarras… e tantos outros homes e mulleres que nalgúns casos existiron na vida real, e  noutros poden ser un bo reflexo dos verdadeiros habitantes da vila.

Unha novela, en definitiva, rica e ben construída, que nese deambular entre o real e o fantástico, a algúns recorda o realismo máxico de García Márquez.

Para ampliar información sobre Jesús Moncada e a súa obra podes consultar este dossier

 

Advertisements