Category Archives: Club Ágora

Camino de sirga, de Jesús Moncada

Camino de sirga é unha das novelas máis destacadas da lingua catalá do século XX. Gañadora do Premio Nacional de la  Crítica de Narrativa catalana,  e Premio Ciutat de Barcelona  en 1988, e finalista ao Premio Nacional de literatura en 1990,  foi traducida a mais de dez idiomas, entre eles o galego, e obtivo un  amplo  recoñecemento entre o público lector.

 

O seu autor, Jesús Moncada (Mequinenza 1941-Barcelona 2005) foi que de crear un universo literario recorrente na súa obra literaria, ao redor da súa vila natal, Mequinenza, e do río Ebro que baña as súas terras. Río e vila quedaron unidos e atrapados para sempre coa construción do encoro de Mequinenza, o Mar de Aragón, entre 1955 e 1963. Baixo as augas do pantano desaparecerán as rúas, prazas, muros, casas, e lugares de traballo e diversión da vila.

A través da avalancha de recordos que asaltan ós  habitantes do pobo durante a súa demolición, Moncada rescata do esquecemento gran parte da historia de Mequinenza. A historia dun pobo mineiro e comercial que viviu da extracción do lignito e do seu transporte a través do Ebro en laúdes, barcos de vela que, cando o vento era desfavorable, eran arrastrados por homes que tiraban deles con fortes cordas de esparto – sirgas –  desde a beira do río. Un pobo que, comos tantos outros, vivirá os grandes acontecementos que sacudiron a España e o mundo enteiro durante o  século XX: a Primeira Guerra Mundial,  a instauración da Segunda República, a Guerra Civil e posterior represión do franquismo…

 

Pero mais alá da reconstrución da historia desta vila ameazada de morte, Moncada recompón a memoria colectiva dos seus habitantes. Combinando pasado e presente, memoria e destrución, realidade e ficción… Moncada fai desfilar polas páxinas do seu libro multitude de anécdotas, nostálxicas, cómicas, e ás veces amargas, vividas polos veciños da vila: Arquimedes Quintana, navegante republicano, personaxe mítico que paga todos os anos unha misa para a salvación da alma do musulmán ó que deu morte na Batalla de Tetuán;  Aleix de Segarra,  o pintor que escapando dun futuro incerto atopa un destino cruel; Carlota de Torres,  representante da alta burguesía e do poder; Honorat del Café, a viúva de Segarras… e tantos outros homes e mulleres que nalgúns casos existiron na vida real, e  noutros poden ser un bo reflexo dos verdadeiros habitantes da vila.

Unha novela, en definitiva, rica e ben construída, que nese deambular entre o real e o fantástico, a algúns recorda o realismo máxico de García Márquez.

Para ampliar información sobre Jesús Moncada e a súa obra podes consultar este dossier

 

Vento ferido, de Carlos Casares

Cando xa levamos mais da metade deste ano de lecturas compartidas, nos clubs da Biblioteca Ágora, facemos un pequeno alto no camiño para homenaxear a Carlos Casares, como ben sabedes escritor escollido pola Real Academia como autor das Letras Galegas 2017.

O escritor Carlos Casares 

O título escollido nos nosos clubs foi Vento ferido, un libro de relatos que nos pareceu axeitado para achegarmos ó autor a través da lectura en voz alta.

Xunto á novela Cambio en tresVento feridoprimeira publicación do autor, é considerado pola crítica como un dos máximos expoñentes da Nova narrativa galega: unha corrente literaria coa que, a mediados dos sesenta, a literatura galega parece conectar coa europea, a través do emprego de técnicas estilísticas (diferentes voces narrativas, monólogos, saltos no tempo…) e temas comúns.

Mais Casares nunca gustou das etiquetaxes. A súa prosa, moderna e directa, achéganos ó mais recóndito da alma humana cunha temática moi centrada no illamento do individuo, sobre todo da mocidade, na sociedade.

Portadas de diferentes ediciós de “Vento ferido” e da curtametraxe baseada no libro.

Cada un dos membros do club elixiu para ler ante os compañeiros o relato, ou fragmento, que mais lles chamou a atención.

Marga escolleu Cando cheguen as chuvias, pola intensidade coa que autor expresa a profunda soidade sentida polo protagonista no cárcere; Elena fíxonos sentir, con A Tronada, a impotencia e abandono do home ante o destino marcado por unha natureza desapiadada; Natalia trasladounos a ese ambiente de taberna no que o protagonista de A Capoeira trata de resarcirse dos rancores acumulados no pasado cunha vinganza desproporcionada… Isa  preferiu ofrecernos  unha versión doce e aberta  da historia de amor de xuventude de  A rapaza do circo…  Así, un tras outro, cada relato, cada lectura fíxonos sentir a grandeza deste autor que cunha aparente sinxeleza logra transmitir con tanta forza as fraquezas e debilidades dos homes e mulleres, nenos,  mozos, ou vellos que transitan polas súas páxinas: a estrema soidade do ancián na longa espera da visita dos familiares de Agarda longa ao sol; a aceptación da violencia e anulación da propia vontade polo adolescente que  quere ser admitido no grupo de O xogo da guerra a derrota, a desesperanza, a submisión colectiva no contexto da represión franquista de Coma lobos...

 Porque, como tan ben resume a nosa compañeira Alicia,

Os relatos de Casares son coma poemas que reflicten a alma do ser humano nos seus momentos mais fráxiles. A súa beleza narrativa faite reflexionar sobre a túa propia fortaleza nesas circunstancias tan duras ó que axuda a beleza e a tenrura do noso idioma galego”

En definitiva, unha sesión diferente coa que non só disfrutamos Carlos Casares, senón das propias lecturas en voz alta, e que esperamos repetir en futuras reunións.

Vento ferido foi levada recentemente a pequena pantalla por un grupo de rapaces de Comunicación Audiovisual e Publicidade de Pontevedra nunha pequena miniserie de tres capítulos.

Trailer da curtametraxe  “Vento ferido”

E para os que queirades ler algo mais do autor ou da súa obra, deixámosvos o dossier de Carlos Casares, como ven sendo habitual.

Dossier Carlos Casares

 

Soldados de Salamina

O 30 de xaneiro de 1939, o escritor Rafael Sánchez Mazas, fundador e de Falange Española, amigo íntimo de Primo de Rivera, e mais tarde ministro sen carteira durante os primeiros gobernos de Franco,  sobrevivía a un fusilamento colectivo no Santuario de Collell, onde fora conducido xunto a outros prisioneiros do exército republicano, días antes de que as tropas rebeldes culminaran a ocupación de Cataluña. Este relato, ou versións similares do mesmo, circulou en periódicos, entrevistas e memorias durante os primeiros anos do franquismo, e foi recollido nunha filmación que apareceu nun dos primeiros noticiarios de posguerra

Este episodio, real, será o punto de partida de Soldados de Salamina, unha obra na que conflúen con harmonía diferentes modalidades narrativas: biografía, historia, reportaxe, relato oral, autoficción, novela… todas elas perfectamente engarzadas de tal xeito que é difícil saber ás veces onde termina a realidade e comeza a ficción.

Na súa “vertente” máis real, Soldados de Salamina fálanos da biografía  do escritor e fascista Rafael Sánchez Mazas, da súa obra literaria e do papel que desempeñou na fundación de Falange Española. E reflexiona sobre ós motivos que levan ós homes a violencia o más exactamente de los motivos que indujeron a un puñado de hombres cultos y refinados que fundaron Falange a lanzar a su país a una orgía de sangre”.

Pero o episodio que mais interesa a Cercas é o momento no que, tras escapar do fusilamento, agochado entre matogueiras, é descuberto por un soldado republicano que lle perdoa a vida, permitíndolle fuxir. Sobrevivirá no bosque durante varios días, axudado por tres desertores do esborrallado exército republicano, á espera da chegada do exército vencedor. Este momento dará paso á parte mais ficticia da novela, a que presenta a outros personaxes nin vitoriosos nin afortunados, pero que constitúen os verdadeiros heroes, os verdadeiros “soldados de Salamina”: os tres amigos do bosque, e moi especialmente Antonio Miralles, representante de todos aqueles que padecen as guerras ideadas por outros e que ó final son capaces dunha actitude moito mais digna e humana.

frame-soldados-trailer

Diego Luna, interpretando a Miralles, na película de David Trueba

Por outra banda, o aspecto quizais mais destacado da obra, o que a fai mais orixinal,  é a forma en que está construída a narración, a estratexia utilizada para facela avanzar: dende o momento en que Sánchez Ferlosio, revela a Javier Cercas (ou un escritor que comparte con Javier Cercas nome e apelido) o relato do fusilamento do seu pai, este emprende unha trepidante investigación na busca do soldado que no Collell salvou a vida do falanxista, responsable a fin de contas de tantas mortes anónimas, para poder preguntarlle por qué o fixo. Esta investigación, que avanza entre cartas, chamadas telefónicas, entrevistas, consultas en arquivos… arrastra ó escritor dende a curiosidade ata a obsesión, duda e desesperación, para acabar concluíndo que a pregunta non ten resposta, quizás porque o verdadeiro heroe non teña interese en ser recoñecido como tal

Para mais información, podes consultar o dossier Soldados de Salamina ou descargalo en pdf

portada-dossier-001

Xabier Quiroga e A Ruta das ratas

O longo destes últimos anos algúns autores galegos, como Antón Riveiro Coello,  Francisco X. Fernández Naval, ou mais recentemente Ledicia Costas e  Alberto Canal,  publicaron novelas moi intensas, desoladoras ás veces, sobre grandes traxedias vividas no contexto da Segunda Guerra Mundial e a atrocidade do nazismo:  Laura no desertoA noite branca, Un animal chamado néboaO amor nos escuros días de Birkenau

Outros, como  Pedro Feijóo, en Os fillos do mar ou  Carlos Reigosa, en A vinganza do defunto investigaban nas súas publicacións a presenza dos nazis en Galicia. É o caso da úlitma novela de Xabier Quiroga, Izan o da saca, Premio San Clemente 2016 na categoría de Lingua Galega, que tivemos oportunidade de compartir no Club de Lectura do Ágora do Mércores.

composicion2   izan-con-marco

 

A partir da investigación que un político e empresario galego encarga a Reina, taxista  e investigador privado que aparecera xa en O cabo do mundo, Xabier Quiroga constrúe unha narración trepidante sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a “Ruta das ratas”, o entramado organizado polos xerarcas do Terceiro Reich para permitir a fuga de nazis desde Europa a América do Sur, no seu paso polo noroeste da Península Ibérica, en concreto pola Ribeira Sacra.

A novela móvese entre dous tempos diferentes: o momento actual, no que Reina leva a cabo a investigación, e a posguerra, na que tiveron lugar certos acontecimentos verídicos nos que se enmarca a acción, e  que vinculan a Galicia coa Alemania de Hitler. A forte presenza dos alemáns nas explotacións mineiras de volframio e ferro utilizados para a fabricación de armamento; a instalación das Torres do Arneiro, que facilitaban a localización dos submarinos alemáns; a utilización dos portos galegos, especialmente Vigo, como punto de saída dos U-Boot, ou o constatado refuxio dalgúns dirixentes nazis, como Walter Kutschmann en Galicia na súa fuxida cara a Arxentina… son algúns dos datos cós que Reiniña se vai atopando no desenvolvemento da súa procura.

volframio

Moitos elementos fan desta novela unha lectura altamente recomendable: O desenvolvemento da trama, que atrapa desde o primeiro momento;  a elaborada caracterización dos personaxes, algún deles engaloiantes de principio a fin (Loliña, o mestre Armando, Lelia…); o dominio da linguaxe nos diferentes rexistros utilizados; as reflexións do protagonista sobre os movementos sociais e o panorama político actual, ou a propia estructura da obra, composta a partir de varias pezas que encaixan ó final para darlle sentido ó conxunto.

No escuro todo é pecho. Abres os ollos e non ves, queres falar e non das, intentas moverte e non podes. Unha mordaza tapa a túa boca e estás atado de pés e maos. Por riba, sabendo como sabes que non hai nada que poidas facer, tés a alma, ou ese inefábel hálito que te envolve, agarrada como por unha man de anguria…

Xabier Quiroga (Saviñao, 1961), deuse a coñecer como autor de narrativa con Atuado na braña, unha obra extensa pola que recibiu o Premio Losada  Diéguez 2002. Reapareceu cunha novela de formato máis breve Era por setembro, 2004, a que seguirán (2006),  O Cabo do Mundo, (2009), e Zapatillas rotas (2014) polas que obtivo o Premio da Crítica 2010 e 2014. Izán o da saca (2015) é a súa última novela.

No dossier que adxuntamos podes atopar mais información sobre o autor e a súa obra:

portada-izan

Aqui podes descargar o pdf

Forever Young

O 14 de outubro saía en prensa unha noticia que causou gran sorpresa no mundo das letras e da música: A Academia Sueca concedía o Nobel de Literatura ao cantautor estadounidense Bob Dylan “por crear unha nova expresión poética dentro da gran tradición americana da canción”, segundo expuxo a secretaria permanente da Academia Sueca, Sara Daniues.

foto1-1

Dende ese momento moitos foron os comentarios en redes sociais, diarios, e blogs, sobre a conveniencia ou non de outorgar o galardón literario de maior prestixio a nivel internacional a un autor máis coñecido pola súa faceta musical que literaria. E aínda que houbo algunhas voces críticas, os parabéns ao autor e á academia por abrirse a novas formas de literatura non se fixeron esperar

             “Para min é como poñer unha medalla ao monte Everest, á montaña mais alta”.

Leonard Cohen:

                      Parabéns a un dos meus poetas favoritos, Bob Dylan, por un ben merecido Nobel”.

Barack Obama

                    Desde ayer, nuestro mundo ha quedado elevado a la categoría de alta cultura, y eso está bien

Joaquín Sabina

Nos Clubs de Lectura da Biblioteca Ágora escollimos algúns dos seus poemas para achegarnos a este gran autor. Non foi fácil a selección, porque hai moito, moi variado, e sobre todo moi fermoso na extensa obra de Dylan: os himnos protesta dos primeiras 60, a rabiosa denuncia da discriminación racial de Hurricane, as cancións de amor e desamor,  o lirismo simbólico de Desolation Row, o surrealismo de Mr. Tambourine Man… Cada un dos seguidores de Dylan terá a súa propia e interminable lista de cancións imprescindibles. Para nós o importante era achegarnos á súa faceta de poeta. E seguro que a partir de agora acabaremos tamén confeccionando as nosas propias listas de títulos imprescindibles.

Neste dossier que adxuntamos podedes atopar máis información, e ler algúns dos temas escollidos

Dossier Bob Dylan

Dossier Bob Dylan

E recordade que nas Bibliotecas Municipais da Coruña poderedes atopar ós seus discos, as súas letras, biografías, libros infantís, documentais e películas de ficción sobre o autor.

Herba Moura

E chegamos ó final do club de lectura cunha última proposta, dirixida especialmente ás mulleres dos clubs, principais protagonistas desta aventura literaria compartida durante todos estes meses no espazo das nosas bibliotecas. Falamos de Herba moura, da autora monfortina Teresa Moure

A  través da historia de tres mulleres que viven en diferentes épocas e lugares, Teresa Moure vai construíndo esta novela que ofrece múltiples  lecturas:  o devir das mulleres na historia, a filosofía, a paixón , o coñecemento, a rebeldía… son algúns dos temas abordados con mestría por esta autora.

HMSN HMbn


Tres mulleres “de armas tomar” que non dubidan en renunciar ó éxito e ó poder  a cambio de continuar sendo elas mesmas e de facer o que consideran que deben facer. O nexo de unión entre estas tres mulleres non é outro que Descartes, o filósofo racionalista do século XVII, có que as nosas protagonistas manteñen unha diferente relación.

A raíña Christina de Suecia, amante da lectura, das artes e das ciencias e gobernante eficaz, admira o racionalismo descartiano, que continúa impulsando trala morte do filósofo;  a entrañable Helene Jans, o personaxe mellor traballado e mais querido da autora, afín ao empirismo humanista. E Einés Andrade, estudante galega da nosa época, que dá forma a todo o ese conxunto de receitas e conxuros, poemas, cartas, correos electrónicos, fragmentos de diarios… que conforman a narración.

Pero probablemente o que mais nos fascinou a moitas das que participamos desta lectura conxunta foron as últimas páxinas do libro, as que falan das mulleres que rodean a Einés , esa rapaza que  naceu, sen que ninguén soubese que tiña que nacer,  o día en que o home chegou a lúa, e que medrou a carón das verdadeiras protagonistas da historia: as mulleres invisibles que día a día fan posible quea vida siga adiante.  A elas é a quen dirixe Héléns Jans o seu “Livro de mulleres”, impulsándolles a vivir e a gozar da vida:

E, xa que logo, fermoseádevos, mellorade, restaurádevos de toses e bágoas, emendade o que é emendable, e gozade do que trae cada día, que a outra, a negra, a innomeable agárdavos impaciente e chegará, seguro, sen que receuta, nen apócema, nin lavativa poida librarvos da súa vinda

 

Para mais información, como é habitual, podedes consultar o noso dossier en liña ou descargalo en pdf

Portada_dossier

    Dossier “Herba moura” en  pdf 

 

E de momento máis nada! Grazas a todxs pola vosa atención… e ata o día 9 en Outeiro de Rei!!

 

Viajes con Heródoto

Se acerca el momento de cerrar esta última etapa de los clubs de lectura, y en la Biblioteca Ágora no  queremos hacerlo sin antes comentar un libro que a algunas de las lectoras y lectores de los miércoles nos ha parecido una de los títulos más recomendables del año. Se trata de Viajes con Heródoto, del escritor y periodista polaco Ryszard Kapuscinsky.

Kapuscinsky (Pinsk, 1935 – Varsovia 2007) fue periodista, reportero, historiador y ensayista. Durante su infancia se desplazó por el territorio polaco, huyendo de los bombardeos de los ejércitos nazi y soviéticos, hasta asentarse en Varsovia, ciudad especialmente castigada por la guerra, donde estudió arte e historia. Pronto entró a trabajar en un pequeño periódico y desde entonces compaginó su labor periodística con la actividad literaria. En 2003 recibió el Premio Princesa de Asturias de Comunicación y Humanidades, y fue uno de los pocos reporteros que llegó a ser candidato al Nobel de Literatura.

                                   El autor en su apartamento de Varsovia

Viajes con Heródoto es un libro de difícil clasificación: autobiografía, crónica periodística, literatura de viajes, ensayo…. se entremezclan en estas páginas para dar lugar a un relato apasionante en el que este “gran maestro de periodistas” nos traslada las claves de su narrativa.

Kapuscinsky comienza su relato hablándonos de su paso por la universidad; una época de miseria cultural y social en la que toma por primera vez contacto con Heródoto, cuya obra todavía no había sido traducida al polaco.

Pronto entra a trabajar en un pequeño periódico, lo que le permite viajar por su país natal y conocer su territorio. Y con este conocimiento se despierta su ansiedad por saber que hay al otro lado. Por cruzar la frontera.

La ocasión se le presenta cuando, tras la visita de Nehru a Polonia, es enviado a la India, a donde se desplazará sin conocer su idioma ni cultura, sin más compañía, ahora sí, que un grueso volumen de la “Historia” de Heródoto, libro que le acompañará en éste y otros muchos viajes alrededor del mundo.

A través de múltiples anécdotas y reflexiones, con una prosa cautivadora, deliciosa,  el autor nos traslada su asombro y  entusiasmo ante todo lo que va observando, escuchando, asimilando: un mundo poblado de dioses, lenguas  y culturas con códigos propios  en el que sólo se puede penetrar a través de la “empatía” y de la aceptación de la diversidad, de la Otredad.

Paralelamente a ese viaje en el espacio y a través de los textos de Heródoto, que va intercalando y comentando, Kapuscinsky viaja en el tiempo, hacia un pasado remoto en el que el aplastante ejército persa avanza persa sobre las estepas de Asia, sometiendo tribus y pueblos, hasta enfrentarse definitivamente contra las tropas griegas. Griegos contra persas, el este contra el oeste: una confrontación que abarca todo el mundo conocido, y perdura a través de los milenios.

persasLos inmortales, tropa de élite del ejércitos persa

Kapuscinsky se pregunta qué pudo haber llevado a Heródoto, alma gemela de un tiempo pasado,  a viajar por todo el universo conocido y por conocer, descubriendo otros lugares, pueblos y culturas, hablando con todos aquellos que estaban dispuestos a hacerlo, intercambiando opiniones, valorándolas, rechazando unas y aceptando otras, contrastándolas…  Y concluye que no pude haber sido sino la curiosidad, el deseo de saber, y el afán por conservar la memoria de la humanidad. Porque conocer a los demás nos permite conocer el mundo, y entendernos a nosotros mismos:

“Y Heródoto, con su entusiasmo y apasionamiento de niño, parte en busca de esos mundos. Y descubre algo fundamental, que son muchos y que cada uno es único. E importante. Y que hay que conocerlos porque sus respectivas culturas no son sino espejos en los que vemos mejor reflejada la nuestra. Gracias a esos otros mundos nos comprendemos mejor a nosotros mismos, puesto que no podemos definir nuestra identidad hasta que o la confrontamos con otras”

En el dossier que adjuntamos puedes encontrar más información sobre el autor y su obra

Viajes_con_Heródoto-page-001Dossier “Viajes con Heródoto” en  pdf 

Actividades Letras Galegas 2016

Recomendacións de lectura, fotocoll, encontros con autores… Na biblioteca Ágora calquera disculpa parécenos boa para celebrar as Letras Galegas. E así o  seguiremos facendo durante todo este mes de maio: colaborando cós centros educativos, traballando nos clubes de lectura, aproveitando as actividades que se programan no Centro Cívico, e buscando a participación dos cidadáns que nos visitan día a día.

Dende este blog queremos achegaros a información dalgunhas das actividades que estivemos a desenvolver estes últimos días:

O pasado xoves 13, recibimos no Auditorio do Centro ó Grupo Dado, un colectivo integrado polos clubs de lectura de varios centros públicos de ensino secundario de A Coruña: IES Ramón Menéndez Pildal (Zalaeta), IES Monelos, IES Agra do Orzán, IES Elviña, IES Monte das Moas, IES  Rafael Dieste. Aquí vos deixamos algunhas das fotos coas que alumnos e profes participaron no noso fotocol #moitomepresta

agra

Clica aquí para ver todas as fotos


O motivo, a celebración das letras galegas, e a entrega dos premios do concurso de videos de animación á lectura realizados polos alumnos dos diferentes clubs. Parabéns ós profesores polo éxito desta iniciativa, na que participaron máis de 50 alumnos, en tres categorías; noraboa a todos os rapaces que se animaron a recomendar… e por suposto, felicidades ós gañadores. Aqui vos deixamos un resumo dos videos presentados.

A entrega dos premio foi presentada polos alumnos do IES Zalaeta, que animou a gala con bailes e actuacións musicais, o tempo que se proxectaban versos de Manuel María

M8MEPRESTA 167

Alumnas do Instituto de Zalaeta animando a gala de presentación do concurso

E ademais tivemos a oportunidade de disfrutar da excelente música de Xardín Desordenado nun concerto patrocinado polo programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia, no que interpretaron os versos de Manuel María e doutros poetas galegos que compartiron con él a paixón por Galicia e a súa lingua.

M8MEPRESTA 129
Xardín desordenado, no Ágora

Por outra banda, o sábado 14 o Club do mércores asistiu a un dos Paseos pola Coruña literaria que organiza a AELG en colaboración có Concello e Centro Ágora. Nesta ocasión o roteiro foi guiado por Yolanda Castañoque nos levou polas rúas do barrio das Atochas para achegarnos a poesía das autores galegas máis novas. Escritoras coas que Yolanda compartiu noites bohemias e momentos de creación poética: Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Emma Couceiro,  María do Cebreiro, Alicia Fernández, Lupe Gómez, Olga NovoMaría Lado, Lucía Aldao… son algunhas das representantes desta nova xeración poética coa que a poesía galega, e especialmente a poesía femenina parece estar entrando nunha idade de ouro.

IMG_8627-1  IMG_8611IMG_8612

Baixo paraugas seguimos a Yolanda polo barrio das Atochas

Os mellores da lingua

Da Escola de Maxia á maxia das palabras. Neste mes de maio, na Biblioteca Ágora, no espazo Os mellores de… volvemos, un ano mais, ás palabras da nosa lingua. Palabras escritas nos libros que aquí te presentamos, seleccionados para ti con intención de mostrarte a grandeza da nosa fala.

IMG_6332       MOSTRA_MELLORES 012  
Os mellores da lingua : Mostra bibliográfica na Biblitoeca Ágora

Unha mostra que tén como protagonista especial a Manuel María, un autor moi respetado, querido e admirado,  ao que, como xa sabes, dedícase este 2016 a celebración das Letras Galegas.

Do poeta chairego falounos Mercedes Queixas Zas na presentación do seu libro Labrego con algo de poeta na Biblioteca Ágora, coa entusiasta participación dos nosos clubles de lectura. Os seus versos chegáronnos profundamente, espallarónse pola biblioteca, e quedaron nos seus andeis.

MQ1     20160513_145558

Mercedes Queixas na presentación do seu libro na Biblioteca Ágora

Xunto a Manuel María queremos destacar a outros moitos autores da lingua. Autores da terra que falan de temas universais e sitúan a nosa literatura no lugar que merece no panorama nacional e internacional.  Os nosos clásicos: Risco,  Cunqueiro ou, por suposto Castelao e Rosalía. Outros escritores xa consagrados, como Mendez Ferrín, Manuel Rivas ou Suso de Toro. E tamén os mais novos:  Ledicia Costas, Héctor CajaravilleAndrea Maceiras... que se fan escoitar con forza, e cada vez van conseguindo mais e mais lectores.

Moitos deles (Berta Dávila, María Reimóndez, Pedro Feijoo… ) achegáronse a nós en diferentes ocasións para falarnos da súa experiencia literaria e transmitirnos a súa paixón pola escritura… e convencéronnos. Polo que din, polo que escriben e por como o escriben. E por iso queremos compartir contigo a súa escrita. E, se cabe, acompañarte neste apaixonante descubrimento da nosa literatura, da nosa cultura, con esta guía de lectura elaborada con moita ilusión.

Guía de lectura : Os mellores da lingua


PortadaGuia
Descarga aquí a guía en pdf

E se queres compartir con nós esta paixón pola nosa escrita podes pasar pola biblioteca e participar, un ano máis, no fotocol que desta volta se dedica con especial atención a Manuel María.  Porque #m8mepresta  #ManuelMaria

     IMG_5353   M8MEPRESTA 1581

“O último día de Terranova”, encontro de Manuel Rivas cos seus lectores.

O pasado martes 22 de marzo, Manuel Rivas achegouse a biblioteca Monte Alto para manter un encontro cos clubes de lectura das bibliotecas municipais. A escusa era falar sobre o seu último libro,  O último día de Terranova, pero, como adoita acontecer con Manuel Rivas, a charla levounos por camiños insospeitados, inesperados e pracenteiros. Begoña Varela, coordinadora de dous dos nosos clubes e impulsora deste encontro, envíanos esta reseña coas súas impresións.

Case unha década despois da publicación de “Os libros arden mal“, chega ás nosas mans “O último día de Terranova” e, moi vencellado a esta obra, o poemario “A boca da terra“. Por esa boca (a boca da terra, a boca da literatura) falan estes tres libros que recollen, a través dos seus protagonistas, boa parte da nosa historia contada ao máis puro estilo Rivas. Con pinceladas de realismo máxico, Rivas crea un universo propio baixo a luz de O Faro, como fixera Cunqueiro coa Terra de Miranda.

Si en “Os libros arden mal” o tema principal era a morte, a queima da palabra impresa e a loita por salvar os libros, en “Os últimos días de Terranova” o autor pon en valor a supervivenza das librarías como arma para loitar contra a incultura, e a figura dos libreiros como guardiáns da liberdade e da dignidade humana.

O noso clube xa lera “Os libros arden mal“, e agora disfrutamos coas páxinas deste novo libro, da man de Amaro e Vicenzo Fontana, do tío Eliseo, de Garúa, Comba, Expectación e un feixe de persoaxes entrañables; todos eles náufragos sociais cargados de sabiduría que observan o mundo a través dunha cámara estenopéica e transmiten ao lector un xeito de ver a vida coa que moitos nos identificamos.

Para explicar a súa obra e resolver as nosas dúbidas, contamos na biblioteca de Monte Alto coa presenza de Manuel Rivas quen, acompañado por Lola Porto, de librería Lume (unha das libreiras ás que vai adicado o libro) e rodeado dos seus lectores de todas as Bibliotecas Municipais, fíxonos partícipes dunha animada conversa. Falou o autor de queridos libreiros e libreiras galegos, da estructura da obra (e da vida) en círculos concéntricos, de seres “sentipensantes” e, sobre todo, do valor da palabra.

Librarías que teñen que pechar; especuladores da terra e das almas; libros vendidos, roubados ou prestados que viaxan ocultos en maletas; idealistas que nunca perderon a ilusión; títulos e editoriais inesquecibles que forman parte da paisaxe das nosas vidas. Todo isto encerran as páxinas de “O último día de Terranova“.

Deixámosvos un vídeo da lectura de Manuel Rivas dun dos seus poemas e algunhas das fotografías sacadas durante a tarde.

This slideshow requires JavaScript.