Author Archives: cuquifernandez

Rematamos!!!

Tras mais de nove meses de lecturas compartidas, debates sobre libros, visitas a exposicións, encontros con autores… os clubs de lectura das bibliotecas municipais tomámonos un pequeno descanso nesta esta época estival que está comezando e que sen duda traerá novas e diferentes lecturas.

Tan só nos queda achegarvos un resumo da xornada coa que cerramos o ano. Unha despedida moi especial, na que xuntamos ós lectores dos clubs de todas as bibliotecas para facer o noso particular homenaxe a Carlos Casares, autor, como ben sabedes, protagonista do Día das Letras Galegas deste 2017.

Ourense, a cidade na que o autor comezou a formarse como escritor, foi o destino escollido este ano para a nosa celebración.

Visitamos os lugares mais representativos da estancia de Casares na cidade: Parque de San Lázaro, Praza Maior, Rúa do Paseo, Alameda… nos que se situaban os cafés, librerías … (Café Parque, Librería Tanco, Volter, ou Taberna do Tucho…), nos que o escritor reuiníase con poetas, pintores e outros artistas que por entón enaltecían a cidade: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Blanco Amor; e lemos algúns fragmentos da súa obra reproducidos  nas placas de cerámica que marcan os puntos do roteiro.

A chuvia acompañounos durante todo o percorrido, pero non conseguiu romper o entusiasmo dos  nosos lectores que con risas e bo humor afrontaron a situación mercando paraugas, chuvasqueiros,  e algún que outro par de zapatos.

Despois dun ben merecido descanso no que gozamos dos praceres gastronómicos en excelente compaña, acudimos o Liceo, entidade cultural coa que Casares estivo fortemente vinculado ó longo da súa vida. Tras facer unha foto de grupo baixo o relevo do autor, asistimos ó concerto do cantautor ourensán Emilio Rúa, que acompañándose de piano, guitarra e harmónica, ofreceunos un repertorio variado dos temas mais destacados dos seus discos. Lela,  Negra sombra,  La chica de ayer, María Soliña… foron algunhas das cancións que tivemos a oportunidade de  escoitar, da man deste músico tan entrañable que fíxonos cantar e vibrar ó ritmo de A saia da Carolina.

En definitiva, unha xornada completa, amena e divertida, na que tivo cabida a literatura, a música, a gastronomía… pero que sobre todo que permitiunos a todos os navegantes dos clubs de lectura coñecernos un pouco mellor.

Aquí vos deixamos algunhas fotos de grupo que demostran ben o que foi este fermoso día.

 

ATA O CURSO QUE VEN!

BOAS VACACIÓNS E FELICES LECTURAS!!

Asi nacen as baleas

Achégase o verán e os clubs de lectura das bibliotecas municipais rematamos as nosas reunións. Despedirémonos de todos vós cunha saída a Ourense para facer a nosa particular homenaxe a Carlos Casares.

Pero antes, dende a Biblioteca Ágora queremos recomendarvos o libro có que o pasado mércores clausuramos un dos nosos clubs: Así nacen as baleas, de Anxos Sumai. 

Así nacen as baleas conta a historia dunha muller que volve á casa na que pasou a súa infancia para reencontrarse coa súa familia. Nesa volta ó seu lugar de orixe reaparecerán os recordos, cós que A nena (en ningún momento a autora descubre o nome da protagonista) vai recompoñendo o seu pasado. Un pasado doloroso, de carencias afectivas e abandono. Pero tamén de tenrura, inocencia e amor.

Mais alá desta historia persoal, Anxos Sumai fálanos da familia, desa outra cara das familias, terrible, pero real ás veces, capaz de crear infelicidade adxudicando destinos non escollidos. Capaz así mesmo de ferir, maltratar e destruír. E fala tamén da loita do individuo contra ese destino que lle vén imposto, e da rebeldía como forma de liberación persoal.

A pesar da dureza que se esconde tras as páxinas do libro, Anxos Sumai sorpréndenos pola forma en que este está escrito: a obra, repleta de metáforas e símbolos, (as baleas, seres enormes e de inmenso corazón) emociona e conmove mesmo, ou mais se cabe, nos momentos mais dramáticos:

As palabras sérvenme para transformar unha escena terribelmente desagradábel nalgo fermoso. O doado sería escribir a violencia dende a linguaxe descarnada, mais o que me interesa é ese proceso de transformación a través das palabras.

O resultado é unha novela inquietante, impactante, repleta de matices. Non sobra nin falta nada: os silencios din tanto como as palabras, e deixan marxe para que o lector reflexione e saque as súas propias conclusións. E, de feito, a lectura propiciou un ambiente cálido e íntimo e deu lugar a un debate sumamente enriquecedor.

Así nacen as baleas recibiu os premios : Narrativa Breve Repsol YPF 2007, Arcebispo San Clemente 2008,

Outras novelas da autora que podes atopar nas Bibliotecas Municipais:

E se queres máis información sobre a autora e o seu libro podes consultar o noso dosier

Boas lecturas!

Entrega de premios Concurso de Microrrelatos Grupo Dado

Este martes, 23 maio, tivo lugar no Auditorio do Ágora a Gala de entrega de Premios do Concurso de Microrrelatos do GrupoDado.

Grupo Dado está formado polos clubs de lectura destes centros de ensino secundario e público de A Coruña: IES Agra IIES ElviñaIES Monte das MoasIES MonelosIES Rafael Dieste e IES Zalaeta. O longo do ano, os alumnos e profesores destes centros traballaron os microrrelato nas aulas e nos clubs de lectura de cada centro. Os alumnos escribiron os seus sorprendentes textos e enviaron os mais destacados ó concurso.

A gala, presentada polos alumnos de 2ª ESO do IES Zalaeta, foi combinando a lectura dos microrrelatos coa actuación do grupo musical Black,  dirixido por Iria Mejuto, que acompañada ó piano por Iago Mouriño, fíxonos vibrar ó ritmo do  soul.

O xurado estivo composto polos escritores Arantza Portabales e Antonio Manuel Fraga Allegue, o editor e libreiro, Pablo Zaera Silvar, o coordinador dun blog de relatos multilingües Shimanto Reza, e a directora Bibliotecas Municipais da Coruña Isabel Blanco.

Non foi fácil para os miembros do xurado a decisión. Todos eles destacaron a creatividade de todos os relatos e o dominio da técnica narrativa dalgúns deles. E é que hai un gran potencial literarios nestas novas xeneracións!!:

“Me ha sorprendido el manejo de las estructuras. El  del lenguaje viene después, pero saber hacer esa estructura, eso se tiene o no se tiene. Es intuición pura”

Arantza Portabales

 “En muchos veo una buena construcción de la historia lo cual es de destacar ya que muchos superventas no les llegan ni a la suela de los zapatos en este aspecto”

Pablo Zaera

Na categoría A, á que se presentaron alumnos de 1º e 2ª da ESO, o gañador foi o relato Dispara, de Paula  Salgada Torres, do IES Agra do Orzán.  Carlos Infante, con Non te fíes de ninguén levou o segundo premio.

Na Categoría B, para alumnos de 3º e 4º da ESO e 1ª BAC,  A vida son dous días, de Jonathan Suárez Filgueira, levou o primeiro premio. O segundo foi para Intravenoso, de Xoana García

Nestes links podes consultar os outros relatos presentados ó concurso nas CATEGORÍA A e  CATEGORÍA B

E por último, o gañador do primeiro premio na categoría C, na que se avaliaba mellor escnificación ou presentación mais orixinal do relato, foi para Avións de papel, do Ies Zalaeta. Este Instituto tamén acadou o segundo premio, por Una muñeca muy especial

Parabéns a todos os que participastes neste concurso: profesores e alumnos por todo ese traballo tan ben feito!! Parabéns a Iria pola súa magnífica actuación. Para nós foi un placer traballar con todos vós !! Esperamos volver estar convosco en futuras ocasións!!

 

Camino de sirga, de Jesús Moncada

Camino de sirga é unha das novelas máis destacadas da lingua catalá do século XX. Gañadora do Premio Nacional de la  Crítica de Narrativa catalana,  e Premio Ciutat de Barcelona  en 1988, e finalista ao Premio Nacional de literatura en 1990,  foi traducida a mais de dez idiomas, entre eles o galego, e obtivo un  amplo  recoñecemento entre o público lector.

 

O seu autor, Jesús Moncada (Mequinenza 1941-Barcelona 2005) foi que de crear un universo literario recorrente na súa obra literaria, ao redor da súa vila natal, Mequinenza, e do río Ebro que baña as súas terras. Río e vila quedaron unidos e atrapados para sempre coa construción do encoro de Mequinenza, o Mar de Aragón, entre 1955 e 1963. Baixo as augas do pantano desaparecerán as rúas, prazas, muros, casas, e lugares de traballo e diversión da vila.

A través da avalancha de recordos que asaltan ós  habitantes do pobo durante a súa demolición, Moncada rescata do esquecemento gran parte da historia de Mequinenza. A historia dun pobo mineiro e comercial que viviu da extracción do lignito e do seu transporte a través do Ebro en laúdes, barcos de vela que, cando o vento era desfavorable, eran arrastrados por homes que tiraban deles con fortes cordas de esparto – sirgas –  desde a beira do río. Un pobo que, comos tantos outros, vivirá os grandes acontecementos que sacudiron a España e o mundo enteiro durante o  século XX: a Primeira Guerra Mundial,  a instauración da Segunda República, a Guerra Civil e posterior represión do franquismo…

 

Pero mais alá da reconstrución da historia desta vila ameazada de morte, Moncada recompón a memoria colectiva dos seus habitantes. Combinando pasado e presente, memoria e destrución, realidade e ficción… Moncada fai desfilar polas páxinas do seu libro multitude de anécdotas, nostálxicas, cómicas, e ás veces amargas, vividas polos veciños da vila: Arquimedes Quintana, navegante republicano, personaxe mítico que paga todos os anos unha misa para a salvación da alma do musulmán ó que deu morte na Batalla de Tetuán;  Aleix de Segarra,  o pintor que escapando dun futuro incerto atopa un destino cruel; Carlota de Torres,  representante da alta burguesía e do poder; Honorat del Café, a viúva de Segarras… e tantos outros homes e mulleres que nalgúns casos existiron na vida real, e  noutros poden ser un bo reflexo dos verdadeiros habitantes da vila.

Unha novela, en definitiva, rica e ben construída, que nese deambular entre o real e o fantástico, a algúns recorda o realismo máxico de García Márquez.

Para ampliar información sobre Jesús Moncada e a súa obra podes consultar este dossier

 

Vento ferido, de Carlos Casares

Cando xa levamos mais da metade deste ano de lecturas compartidas, nos clubs da Biblioteca Ágora, facemos un pequeno alto no camiño para homenaxear a Carlos Casares, como ben sabedes escritor escollido pola Real Academia como autor das Letras Galegas 2017.

O escritor Carlos Casares 

O título escollido nos nosos clubs foi Vento ferido, un libro de relatos que nos pareceu axeitado para achegarmos ó autor a través da lectura en voz alta.

Xunto á novela Cambio en tresVento feridoprimeira publicación do autor, é considerado pola crítica como un dos máximos expoñentes da Nova narrativa galega: unha corrente literaria coa que, a mediados dos sesenta, a literatura galega parece conectar coa europea, a través do emprego de técnicas estilísticas (diferentes voces narrativas, monólogos, saltos no tempo…) e temas comúns.

Mais Casares nunca gustou das etiquetaxes. A súa prosa, moderna e directa, achéganos ó mais recóndito da alma humana cunha temática moi centrada no illamento do individuo, sobre todo da mocidade, na sociedade.

Portadas de diferentes ediciós de “Vento ferido” e da curtametraxe baseada no libro.

Cada un dos membros do club elixiu para ler ante os compañeiros o relato, ou fragmento, que mais lles chamou a atención.

Marga escolleu Cando cheguen as chuvias, pola intensidade coa que autor expresa a profunda soidade sentida polo protagonista no cárcere; Elena fíxonos sentir, con A Tronada, a impotencia e abandono do home ante o destino marcado por unha natureza desapiadada; Natalia trasladounos a ese ambiente de taberna no que o protagonista de A Capoeira trata de resarcirse dos rancores acumulados no pasado cunha vinganza desproporcionada… Isa  preferiu ofrecernos  unha versión doce e aberta  da historia de amor de xuventude de  A rapaza do circo…  Así, un tras outro, cada relato, cada lectura fíxonos sentir a grandeza deste autor que cunha aparente sinxeleza logra transmitir con tanta forza as fraquezas e debilidades dos homes e mulleres, nenos,  mozos, ou vellos que transitan polas súas páxinas: a estrema soidade do ancián na longa espera da visita dos familiares de Agarda longa ao sol; a aceptación da violencia e anulación da propia vontade polo adolescente que  quere ser admitido no grupo de O xogo da guerra a derrota, a desesperanza, a submisión colectiva no contexto da represión franquista de Coma lobos...

 Porque, como tan ben resume a nosa compañeira Alicia,

Os relatos de Casares son coma poemas que reflicten a alma do ser humano nos seus momentos mais fráxiles. A súa beleza narrativa faite reflexionar sobre a túa propia fortaleza nesas circunstancias tan duras ó que axuda a beleza e a tenrura do noso idioma galego”

En definitiva, unha sesión diferente coa que non só disfrutamos Carlos Casares, senón das propias lecturas en voz alta, e que esperamos repetir en futuras reunións.

Vento ferido foi levada recentemente a pequena pantalla por un grupo de rapaces de Comunicación Audiovisual e Publicidade de Pontevedra nunha pequena miniserie de tres capítulos.

Trailer da curtametraxe  “Vento ferido”

E para os que queirades ler algo mais do autor ou da súa obra, deixámosvos o dossier de Carlos Casares, como ven sendo habitual.

Dossier Carlos Casares

 

Soldados de Salamina

O 30 de xaneiro de 1939, o escritor Rafael Sánchez Mazas, fundador e de Falange Española, amigo íntimo de Primo de Rivera, e mais tarde ministro sen carteira durante os primeiros gobernos de Franco,  sobrevivía a un fusilamento colectivo no Santuario de Collell, onde fora conducido xunto a outros prisioneiros do exército republicano, días antes de que as tropas rebeldes culminaran a ocupación de Cataluña. Este relato, ou versións similares do mesmo, circulou en periódicos, entrevistas e memorias durante os primeiros anos do franquismo, e foi recollido nunha filmación que apareceu nun dos primeiros noticiarios de posguerra

Este episodio, real, será o punto de partida de Soldados de Salamina, unha obra na que conflúen con harmonía diferentes modalidades narrativas: biografía, historia, reportaxe, relato oral, autoficción, novela… todas elas perfectamente engarzadas de tal xeito que é difícil saber ás veces onde termina a realidade e comeza a ficción.

Na súa “vertente” máis real, Soldados de Salamina fálanos da biografía  do escritor e fascista Rafael Sánchez Mazas, da súa obra literaria e do papel que desempeñou na fundación de Falange Española. E reflexiona sobre ós motivos que levan ós homes a violencia o más exactamente de los motivos que indujeron a un puñado de hombres cultos y refinados que fundaron Falange a lanzar a su país a una orgía de sangre”.

Pero o episodio que mais interesa a Cercas é o momento no que, tras escapar do fusilamento, agochado entre matogueiras, é descuberto por un soldado republicano que lle perdoa a vida, permitíndolle fuxir. Sobrevivirá no bosque durante varios días, axudado por tres desertores do esborrallado exército republicano, á espera da chegada do exército vencedor. Este momento dará paso á parte mais ficticia da novela, a que presenta a outros personaxes nin vitoriosos nin afortunados, pero que constitúen os verdadeiros heroes, os verdadeiros “soldados de Salamina”: os tres amigos do bosque, e moi especialmente Antonio Miralles, representante de todos aqueles que padecen as guerras ideadas por outros e que ó final son capaces dunha actitude moito mais digna e humana.

frame-soldados-trailer

Diego Luna, interpretando a Miralles, na película de David Trueba

Por outra banda, o aspecto quizais mais destacado da obra, o que a fai mais orixinal,  é a forma en que está construída a narración, a estratexia utilizada para facela avanzar: dende o momento en que Sánchez Ferlosio, revela a Javier Cercas (ou un escritor que comparte con Javier Cercas nome e apelido) o relato do fusilamento do seu pai, este emprende unha trepidante investigación na busca do soldado que no Collell salvou a vida do falanxista, responsable a fin de contas de tantas mortes anónimas, para poder preguntarlle por qué o fixo. Esta investigación, que avanza entre cartas, chamadas telefónicas, entrevistas, consultas en arquivos… arrastra ó escritor dende a curiosidade ata a obsesión, duda e desesperación, para acabar concluíndo que a pregunta non ten resposta, quizás porque o verdadeiro heroe non teña interese en ser recoñecido como tal

Para mais información, podes consultar o dossier Soldados de Salamina ou descargalo en pdf

portada-dossier-001

A Segunda Guerra Mundial na Biblioteca Ágora

A Segunda Guerra Mundial foi o maior conflito bélico da historia. Con mais de sesenta millóns de mortos, estivo marcada por feitos de enorme transcendencia, que incluíron o Holocausto (Shoah en hebreo) e a utilización por primeira vez na historia de armas nucleares.

Esta inmensa traxedia deixou unha fonda pegada no mundo da cultura. A bibliografía sobre o tema é inabarcable e non deixa de medrar: libros de historia, películas, obras literarias… saen constantemente ó mercado para tratar de entender este episodio tan terrible da historia da humanidade.

cartel-2gm-pequeno

Na Biblioteca Ágora, dende febreiro ata maio, no espazo Os mellores de … poderedes atopar unha selección de mais de 130  documentos dispoñibles nas nosas bibliotecas  que dende diferentes puntos de vista abordan o conflito

Estudos históricos: transcorridos máis de 70 anos dende o fin da guerra, esta continúa a ser obxecto da mirada dos historiadores, que abordan o tema dende novos puntos de vista, do cotiá, do día a día, ou ofrecen novas interpretacións de conxunto baseadas nas fontes documentais, agora accesibles, dos países do leste.

Testemuños das vítimas, que moitas veces en forma de diario deixaron por escrito os terribles acontecementos que truncaron as súas vidas, trasladándonos os seu medos, penurias, e tamén as súas ilusións e esperanzas. Todos eles son unha fonte imprescindible para coñecer o tema e achegarse a el dende o punto de vista das vítimas.

Narrativa: A transcendencia do conflito converteuno nun tema literario de primeira orde, ó que recorrerán unha e outra vez escritores de todo o mundo. Relatos sobre o derrubamento da orde social europea e o ascenso dun novo poder que acabará levando a Europa e a todo o mundo ó maior dos conflitos da historia. Historias sobre o holocausto, inquietantes, aterradores, que nos achegan ás zonas mais escuras da alma humana. Sempre flotando no aire a pregunta sen resposta de Como foi posible que sucedese todo isto? Nestes últimos anos, o nazismo e a Alemaña nazi convértense tamén no marco de novelas de intriga e aventura que, sen afondar nas razóns do conflito, veñen a confirmar o profunda pegada que estas páxinas da nosa historia deixaron na cultura occidental.

Documentais:  As melloras técnicas no mundo do cine, o interese dos exércitos con fins propagandísticos ou doutras persoas por deixar testemuña do horror, permitiron dispor de multitude de imaxes orixinais da que foi a primeira  guerra documentada en imaxes. O documental ofrécenos unha crónica dos acontecementos, pero tamén aporta unha análise que nos permite comprender eses feitos mellor e, especialmente, vivilos dun xeito máis real, case a través dos ollos dos protagonistas, nun formato entretido e fácil de seguir.

Cine: Poucos eventos históricos teñen sido tratados con tanta frecuencia e con tanta calidade polo cinema. Dende as primeiras películas, realizadas en plena guerra, cunha forte carga propagandística, ata o presente, foron moitos os grandes directores que dende os máis variados puntos de vista nos deixáron a súa visión do conflito. Películas sobre o Holocausto, as grandes batallas, submarinos, a vida na retagarda, espías, as orixes… Nesta mostra e guía, tés unha escolma do que podes atopar nunha biblioteca

Cómic: Un fito importante na historia do cómic foi a publicación de Maus. Por primeira vez se aborda nun medio popular o tema mais solemne que deixou o século XX: a Segunda Guerra Mundial.  Algo estaba cambiando na consideración desta forma de escritura, e moitos outros autores están aí para aproveitalo. Nós ofrecémosche algúns exemplos

E por úlitimo, conscientes da enorme atracción que este capítulo tan gris da historia exerce sobre a público xuvenil, seleccionamos tamén algúns títulos especialmente recomendados para estes lectores. Algúns deles, protagonizados por rapaces ou rapazas ós que lle tocou  vivir este tráxico momento, e que se converteron có paso do tempo en auténticos clásicos do xénero.

Na guía de lectura que aquí te presentamos, podes atopar unha selección dalgúns dos títulos mais significativos desta mostra 

Guía de Lectura da Segunda Guerra Mundial

portada-guia

Aquí podes desargar a Guía en pdf

E se queres saber mais  sobre a guerra e a Shoah, podes consultar as seguintes páxinas webs que ofrecen unha información detallada e contrastada:

Memorial de la Shoah = Muséee, Centre de Documentation Juive Contemporaine

United States Holocaust Memorial Museum = Museo Nacional de la Memoria del Holocausto de Estados Unidos.

Yad Vashem: Centro Mundial de Conmemoriación de la Shoa: Museo do Holocausto en Israel.

USC Shoah foundation (University of Southern California Shoah Foundation)

Museo de Ana Frank = Museo de Ana Frank (Amsterdam).

 

Xa sabes!! Achégate a Biblioteca Ágora, de febreiro a maio, para levar en préstamo os libros da Mostra sobre a Segunda Guerra Mundial. E non deixes de consultar a nosa Guía de Lectura na que están representados os títulos mais representativos desta mostra.

Xabier Quiroga e A Ruta das ratas

O longo destes últimos anos algúns autores galegos, como Antón Riveiro Coello,  Francisco X. Fernández Naval, ou mais recentemente Ledicia Costas e  Alberto Canal,  publicaron novelas moi intensas, desoladoras ás veces, sobre grandes traxedias vividas no contexto da Segunda Guerra Mundial e a atrocidade do nazismo:  Laura no desertoA noite branca, Un animal chamado néboaO amor nos escuros días de Birkenau

Outros, como  Pedro Feijóo, en Os fillos do mar ou  Carlos Reigosa, en A vinganza do defunto investigaban nas súas publicacións a presenza dos nazis en Galicia. É o caso da úlitma novela de Xabier Quiroga, Izan o da saca, Premio San Clemente 2016 na categoría de Lingua Galega, que tivemos oportunidade de compartir no Club de Lectura do Ágora do Mércores.

composicion2   izan-con-marco

 

A partir da investigación que un político e empresario galego encarga a Reina, taxista  e investigador privado que aparecera xa en O cabo do mundo, Xabier Quiroga constrúe unha narración trepidante sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a “Ruta das ratas”, o entramado organizado polos xerarcas do Terceiro Reich para permitir a fuga de nazis desde Europa a América do Sur, no seu paso polo noroeste da Península Ibérica, en concreto pola Ribeira Sacra.

A novela móvese entre dous tempos diferentes: o momento actual, no que Reina leva a cabo a investigación, e a posguerra, na que tiveron lugar certos acontecimentos verídicos nos que se enmarca a acción, e  que vinculan a Galicia coa Alemania de Hitler. A forte presenza dos alemáns nas explotacións mineiras de volframio e ferro utilizados para a fabricación de armamento; a instalación das Torres do Arneiro, que facilitaban a localización dos submarinos alemáns; a utilización dos portos galegos, especialmente Vigo, como punto de saída dos U-Boot, ou o constatado refuxio dalgúns dirixentes nazis, como Walter Kutschmann en Galicia na súa fuxida cara a Arxentina… son algúns dos datos cós que Reiniña se vai atopando no desenvolvemento da súa procura.

volframio

Moitos elementos fan desta novela unha lectura altamente recomendable: O desenvolvemento da trama, que atrapa desde o primeiro momento;  a elaborada caracterización dos personaxes, algún deles engaloiantes de principio a fin (Loliña, o mestre Armando, Lelia…); o dominio da linguaxe nos diferentes rexistros utilizados; as reflexións do protagonista sobre os movementos sociais e o panorama político actual, ou a propia estructura da obra, composta a partir de varias pezas que encaixan ó final para darlle sentido ó conxunto.

No escuro todo é pecho. Abres os ollos e non ves, queres falar e non das, intentas moverte e non podes. Unha mordaza tapa a túa boca e estás atado de pés e maos. Por riba, sabendo como sabes que non hai nada que poidas facer, tés a alma, ou ese inefábel hálito que te envolve, agarrada como por unha man de anguria…

Xabier Quiroga (Saviñao, 1961), deuse a coñecer como autor de narrativa con Atuado na braña, unha obra extensa pola que recibiu o Premio Losada  Diéguez 2002. Reapareceu cunha novela de formato máis breve Era por setembro, 2004, a que seguirán (2006),  O Cabo do Mundo, (2009), e Zapatillas rotas (2014) polas que obtivo o Premio da Crítica 2010 e 2014. Izán o da saca (2015) é a súa última novela.

No dossier que adxuntamos podes atopar mais información sobre o autor e a súa obra:

portada-izan

Aqui podes descargar o pdf

Forever Young

O 14 de outubro saía en prensa unha noticia que causou gran sorpresa no mundo das letras e da música: A Academia Sueca concedía o Nobel de Literatura ao cantautor estadounidense Bob Dylan “por crear unha nova expresión poética dentro da gran tradición americana da canción”, segundo expuxo a secretaria permanente da Academia Sueca, Sara Daniues.

foto1-1

Dende ese momento moitos foron os comentarios en redes sociais, diarios, e blogs, sobre a conveniencia ou non de outorgar o galardón literario de maior prestixio a nivel internacional a un autor máis coñecido pola súa faceta musical que literaria. E aínda que houbo algunhas voces críticas, os parabéns ao autor e á academia por abrirse a novas formas de literatura non se fixeron esperar

             “Para min é como poñer unha medalla ao monte Everest, á montaña mais alta”.

Leonard Cohen:

                      Parabéns a un dos meus poetas favoritos, Bob Dylan, por un ben merecido Nobel”.

Barack Obama

                    Desde ayer, nuestro mundo ha quedado elevado a la categoría de alta cultura, y eso está bien

Joaquín Sabina

Nos Clubs de Lectura da Biblioteca Ágora escollimos algúns dos seus poemas para achegarnos a este gran autor. Non foi fácil a selección, porque hai moito, moi variado, e sobre todo moi fermoso na extensa obra de Dylan: os himnos protesta dos primeiras 60, a rabiosa denuncia da discriminación racial de Hurricane, as cancións de amor e desamor,  o lirismo simbólico de Desolation Row, o surrealismo de Mr. Tambourine Man… Cada un dos seguidores de Dylan terá a súa propia e interminable lista de cancións imprescindibles. Para nós o importante era achegarnos á súa faceta de poeta. E seguro que a partir de agora acabaremos tamén confeccionando as nosas propias listas de títulos imprescindibles.

Neste dossier que adxuntamos podedes atopar máis información, e ler algúns dos temas escollidos

Dossier Bob Dylan

Dossier Bob Dylan

E recordade que nas Bibliotecas Municipais da Coruña poderedes atopar ós seus discos, as súas letras, biografías, libros infantís, documentais e películas de ficción sobre o autor.

Herba Moura

E chegamos ó final do club de lectura cunha última proposta, dirixida especialmente ás mulleres dos clubs, principais protagonistas desta aventura literaria compartida durante todos estes meses no espazo das nosas bibliotecas. Falamos de Herba moura, da autora monfortina Teresa Moure

A  través da historia de tres mulleres que viven en diferentes épocas e lugares, Teresa Moure vai construíndo esta novela que ofrece múltiples  lecturas:  o devir das mulleres na historia, a filosofía, a paixón , o coñecemento, a rebeldía… son algúns dos temas abordados con mestría por esta autora.

HMSN HMbn


Tres mulleres “de armas tomar” que non dubidan en renunciar ó éxito e ó poder  a cambio de continuar sendo elas mesmas e de facer o que consideran que deben facer. O nexo de unión entre estas tres mulleres non é outro que Descartes, o filósofo racionalista do século XVII, có que as nosas protagonistas manteñen unha diferente relación.

A raíña Christina de Suecia, amante da lectura, das artes e das ciencias e gobernante eficaz, admira o racionalismo descartiano, que continúa impulsando trala morte do filósofo;  a entrañable Helene Jans, o personaxe mellor traballado e mais querido da autora, afín ao empirismo humanista. E Einés Andrade, estudante galega da nosa época, que dá forma a todo o ese conxunto de receitas e conxuros, poemas, cartas, correos electrónicos, fragmentos de diarios… que conforman a narración.

Pero probablemente o que mais nos fascinou a moitas das que participamos desta lectura conxunta foron as últimas páxinas do libro, as que falan das mulleres que rodean a Einés , esa rapaza que  naceu, sen que ninguén soubese que tiña que nacer,  o día en que o home chegou a lúa, e que medrou a carón das verdadeiras protagonistas da historia: as mulleres invisibles que día a día fan posible quea vida siga adiante.  A elas é a quen dirixe Héléns Jans o seu “Livro de mulleres”, impulsándolles a vivir e a gozar da vida:

E, xa que logo, fermoseádevos, mellorade, restaurádevos de toses e bágoas, emendade o que é emendable, e gozade do que trae cada día, que a outra, a negra, a innomeable agárdavos impaciente e chegará, seguro, sen que receuta, nen apócema, nin lavativa poida librarvos da súa vinda

 

Para mais información, como é habitual, podedes consultar o noso dossier en liña ou descargalo en pdf

Portada_dossier

    Dossier “Herba moura” en  pdf 

 

E de momento máis nada! Grazas a todxs pola vosa atención… e ata o día 9 en Outeiro de Rei!!