O club da calceta de María Reimóndez


No club de lectura dos luns empezamos o curso con moita enerxía. Xe levamos lidos La mano invisible, Botchan e esta semana rematamos O club da calceta de María Reimóndez. Lecturas todas elas ben distintas que dan para falar de temas variados, con diferentes estilos e voces. O que da lugar a tertulias moi moi ricas.

A obra

O club da calcetaSeis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora.

Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.

Reimóndez mantivo un blog sobre a novela, que escribiu entre novembro de 2008 e maio de 2009. Nel podedes atopar máis información sobre O club da calceta.

A autora

María ReimóndezMaría Reimóndez naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. Como escritora o seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Ed. Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Ed. Positivas, 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Xerais, 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais, 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano e o castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. Tamén ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest. En época máis recente publicou para o público infantil Lía e as zapatillas de deporte (Xerais, 2008) -Premio Frei Martín Sarmiento 2010-, O Monstro das palabras (Xerais, 2009) e Volvo! O regreso de Usha (Xerais, 2014); e para público adulto as novelas Pirata (Xerais, 2009) e En vías de extinción (Xerais, 2012), traducidas ao italiano e ao castelán respectivamente. No 2013 regresou á poesía coa publicación de tres poemarios: Presente continuo (Xerais, 2013), Moda Galega Reloaded (Ed. Positivas, 2013) e kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio, 2013). Tamén no 2013 veu a luz o seu primeiro volume como ensaísta en colaboración con Olga Castro no libro Feminismos, que fai un percorrido ameno e divulgativo sobre os feminismos no mundo. En solitario publicou novamente en 2014 A alternativa está aquí (Xerais, 2014). No 2014 gañou o XXXI Premio Xerais de Novela por Dende o conflito (Xerais, 2014) e o XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz con A dúbida. Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños (Galaxia, 2007) de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego. En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.

Por outra banda, é fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.

Recentemente, coa promoción da novela Dende o conflito, podemos ler e mesmo escoitar interesantes entrevistas a Reimóndez. Finalmente, deixámosvos cun anaquiño da película, dirixida por Antón Dobao:

O luns 17 de novembro, acabaremos de falar desta estupenda novela e mellor autora e entregaremos Tokio Blues de Murakami.

Só resta recordarvos, que o tamén luns, 1 de decembro, poderemos gozar da poesía de Reimóndez, dentro do ciclo Poetas Di(n)versos do Centro Ágora.

Advertisements

Posted on 15 Novembro, 2014, in Club Os Rosales and tagged , . Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: