29 de abril, o día das verbas que danzan


 

Verbas Que Danzan

 

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña quixemos neste 2014 unirnos á celebración do Día Internacional da Danza a través de dúas actividades vinculadas á Biblioteca Ágora: a proxección do video Verbas que Danzan e a elaboración e difusión dunha mostra homónima, pensada para público adulto e que recolle materiais diversos arredor das artes do movemento corporal.

Canto ao video, no blog Suma Ágora fomos ofrecendo nos pasados meses información detallada do seu proceso de creación, que rematou coa presentación pública do mesmo nunha das seccións do festival Por amor al arte, en febreiro deste mesmo ano. Na súa realización, a cargo das compañeiras Clara Porta, Eva Vieites, Nelson R. Avilez, Natalia López Ponlla e Xavier Campos, contouse coa colaboración da bailarina profesional Carla López Ponlla, coruñesa afincada en Estados Unidos por estar vinculada ao Tulsa Ballet.

Pola súa banda, a mostra Verbas que danzan está a disposición das e dos usuarios do 14 de abril ao 14 de maio,  e confórmase con discos, filmes, documentais, novelas e libros de ensaio relacionados de maneira directa ou indirecta coa danza e o baile. Cisne negro, Pina Bausch, Billy Elliot, Sempre quixen bailar un tango, Cascanueces, … son algúns dos materiais que as persoas interesadas poden atopar na mesma.

Verbas que Danzan 2014 (1) Expo (5) Expo (4) Expo (8)

Deixámosvos co texto creado para o audiovisual, ao tempo que vos convidamos a achegarvos e descubrir máis sobre o mundo da danza a través desta sinxela pero bonita actividade da Biblioteca Municipal Ágora.

 

rozar a textura, o tacto, a calidade das palabras. pousar nas mans, a túa man na miña, e sentir a vida, poder apalpar cada latexo. márcase o que somos no lombo da tarde, cómbase por riba dos teus sorrisos, nos corpos a danzaren sobre as horas. todo é violento e todo brilla, leo. todo está ferido e todo nos salva.

gústame sentirte do meu lado, por onde medran os soños e a escrita avanza cara o ventre do silencio. gústame dicirte, vivirte, espirte de camisa negra e ollos vermellos, aloumiñarte de neno e amante e pobo e alicia e drama e viaxe e noite e misterio.gústame verte bailar,
gústame ver o movemento con que escribes a vida que nos invade, con que trazas a emoción no aire que respiro.

es aquilo que preciso a cada intre, omnímoda, abrangues todo canto eu son quen de vivir e de agardar. paséote porque habitas mundos,
mudas en príncipe do reino dos doces, en nena que rebenta os lindes do posíbel, en Sherazade que me salvas das rutinas e dos medos, en cidade de músicas diversas na lembranza, en bairro de mariñeiros e agra aberta á multitude. bebo os teus velenos e morro e somos para sempre ou esperto e non estás. 

a escrita do teu corpo na miña terra, o que debuxas de mans abertas no tempo desta praza das palabras. é preciso, hoxe, poñer palabras ao que se rompe, falar desde a fenda, medir a fractura e as consecuencias, o seu centro e a súa expansión. é precisa a alegría, a cultura, o alento por soñar e danzar a esperanza da vida.xunt@s os libros arden mal, as letras infectan de futuro canto hoxe nos rouban os homes grises.  

gústame verte bailar, mirarte na contorna do poema que me dictas, ofrecerche os meus pés para que subas e camiñemos. gústame tocar a túa boca e rachar os reloxos, desaprender para admirarme contigo, amarte contra toda esperanza, mergullarme nas palabras que me gardas e me dás, que me ofreces xenerosa e libre e luz.

vémonos, a diario, na praza das palabras, entre as verbas que danzan, nos espazos do común, teus e meus e de tod@s, onde a vida abre as portas e as palabras se acompasan ao ritmo dos teus latexos.

Advertisements

About xavier campos

Traballo na Biblioteca Ágora, da Coruña. Interésame todo o que ten a ver coa cultura como ferramenta para o cambio social. Creo nunha Biblioteca que mire máis alá de si mesma.

Posted on 29 Abril, 2014, in Efemérides and tagged , . Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

  1. Moi bo traballo, compañeiros!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: