Recomendacións literarias en galego no mes do libro


Estamos no mes do libro e queremos recomendar unha serie de obras de literatura galega para agasallar e acertar.

Recorda que nas Bibliotecas teñen en marcha unha inicitiva de recomendacións  literararias, musicais e cinematográficas vía Twitter, coa nosa conta @bibcoruna, baixo o lema COLABORA CON NÓS!  e co hashtag #recomendamosbmc os tuiteiros poden manifestar os seus gustos e compartir as súas preferencias.

As nosas recomendacións son:

A memoria da choiva

Pedro Feijoo Barreiro

Xerais

Cando Xosé Carneiro, coñecido psicanalista e polémico colaborador televisivo, aparece co peito aberto no seu piso da compostelá rúa República do Salvador, son dúas as cousas que chaman a atención do xornalista Aquiles Vega e da profesora Sofía Deneb. A primeira é a brutalidade, a violencia extrema con que o crime foi levado a cabo. A segunda, ese detalle que non encaixa na escena: unha estraña peza de ferro chantada no corazón. En realidade, a de Carneiro non é máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que Aquiles terá non só que comprender que é o que está pasando, senón cal é o papel que en toda esta historia xoga un dos nomes máis importantes da nosa literatura, aquel sempre rodeado de misterio e escuridade. E, sobre todo, terá que saber quen é Adriano… Logo do éxito recibido pola súa primeira novela, Os fillos do mar, regresa Pedro Feijoo cunha nova aventura, desta volta chea de versos, de sangue, de amor e de odio, pero mantendo intacta a súa máxima por bandeira: ante todo, o entretemento e o pracer de lectores e lectoras.

Ámote Leo A. Destino Xalundes

Rosa Aneiros

Xerais

Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os estudos universitarios. En cambio, todo se esborralla uns meses antes de partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer mundo pode máis que todos os medos. Por fin, unha mañá de xaneiro fai oídos xordos ás advertencias familiares e toma un avión con destino ao sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos. Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes no que os seus pés a levarán moito máis lonxe do que nunca imaxinara.

 

Cadeas

Xabier López López

Xerais

Nun porto afastado, Manuel Antonio mantén unha fermosa historia de amor cunha sorprendente muller á que coñeceu grazas a un estraño navegante chamado Joseph Conrad. Un rapaz de 15 anos relata a época en que os veraneantes madrileños eran o punto de todas as olladas e desexos da súa vila. Dous grupos de mozos provocan unha trifulca durante unhas festas patronais ao inicio da Transición. O músico dunha orquestra e a camareira dun ambigú establecen unha engaiolante historia de amor… Cadeas é unha novela de novelas.

O corazón da Branca de Neve

Francisco Castro

Galaxia

Premio de Novela por Entregas 2013 de La Voz de Galicia

Esta é unha novela policial e de suspense que xira arredor das pescudas do inspector Hermida para atopar unha bebé roubada a unha rapaza inmigrante. Mais é tamén unha novela arredor das bandas criminais que fan negocio cos seres humanos. Polo medio, intriga e tensión narrativa para unha historia que pode estar acontencendo agora mesmo en calquera das nosas cidades. Un reto para un inspector canso e sagaz, ante o caso máis difícil da súa carreira de investigador.

 

O derradeiro libro de Emma Olsen

Berta Dávila

Galaxia

VII Premio de Narrativa Breve Repsol

Emma Olsen afronta os seus derradeiros meses de vida afectada por unha enfermidade terminal e sabe que a morte non tardará en chegarlle. Mais Emma Olsen é escritora, e decide dedicar o tempo que lle queda a rematar unha novela que non é exactamente unha novela, senón unha crónica en primeira persoa dos anos máis importantes da súa vida, os do final da adolescencia. Escribe para revelarnos unha historia de segredos agochados moito tempo. E por iso regresa a Faith, a pequena cidade perdida do Medio Oeste norteamericano na que naceu, un lugar no que semella non acontecer nada interesante nunca, mais que garda, soterrado, un universo de mentiras e conflitos entre os seus poucos e singulares habitantes.

 O elefante branco

Xesús Fraga

Tambre

O que ía ser un verán sen sobresaltos, verase transformado nunha aventura grazas a uns avós pacientes, un curmán mentireiro e un vello mago que agocha antigos segredos. Na súa compaña, o mozo protagonista desta novela irá descubrindoos ata mesmo remontarse a un decisivo episodio da II Guerra Mundial. Unha novela na que habitan ilusionistas capaces de deter balas cos dentes, belas damas que traballan para o servizo de espionaxe, trens nocturnos e automóbiles de luxo. Unha historia sobre as ilusións e as materias, as verdades e as certezas, e a capacidade de soñar para conseguir aquilo que desexamos.

width=O Castañeiro de Abril

Antonio Fraga (Autor)
Antonio Seijas Cruz (Ilustrador)

Xerais

Premio Merlín de Literatura Infantil 2013

Buto, o zapateiro, conta a historia do seu amigo Baltasar, un rapaz de once anos, cego de nacemento e orfo de nai, que vive coas súas tías, Olegaria e Berenguela, dúas xemelgas moi antipáticas e un pouco malvadas. Acompañado do seu can, Barriga Branca, Baltasar vende na praza dos Zoqueiros soldadiños e bailarinas de madeira, labradas coa súa navalla, coa intención de xuntar cartos para reunirse co seu pai. A aparición na praza do Castañeiro de Abril provocará un xiro na súa vida e unha chea de acontecementos que trastornan a vida da xente do seu barrio. O Castañeiro de Abril é unha historia de superación dunha dignidade tremenda e dunha afouteza extraordinaria. Unha reivindicación das cousas miúdas, que adoitan ser a principal orixe dos nosos desgustos e das nosas maiores satisfaccións.

https://i2.wp.com/i.huffpost.com/gen/1394691/thumbs/o-POESA-570.jpgOs ángulos da brasa 

Manuel Álvarez Torneiro

Kalandraka

Premio Nacional de Poesía 2013

Consta de 67 composicións divididas en tres apartados -Trama de vida, Terreal e sagrado, e Tapiz de cinza- nas que Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) “reflexiona sobre a cotidianeidade, debulla emocións íntimas e pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra”. Un poemario que xa foi galardoado co Premio Nacional da Crítica na categoría de Poesía en Lingua Galega, o Premio Angel Casal e o da Asociacion de Escritores en Lingua Galega.

width=Nimbos 

Xosé María Díaz Castro 

Galaxia

Letras Galegas 2014

Nimbos é un libro breve, que consta de 32 poemas, agrupados en sete epígrafes (“Pórtico”, “Noite”, “Lus”, “Espranza”, “Milagre”, “Sono”, “Ferida”) que, con todo, amosan unha grande coherencia e homoxeneidade, como propia dun autor maduro e de elaboración poética moi demorada. A súa lingua é coidada, se ben incorpora moitos dialectalismos chairegos, que o propio autor aclara nun glosario final tanto en Nimbos como noutras entregas poéticas. Obra reveladora da extraordinaria forza expresiva do seu autor, que ilumina a carga que o poema leva dentro.

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podes encontrar estas obras, consulta a súa dispoñibilidade no Catálogo:

catalogo

Advertisements

Posted on 11 Abril, 2014, in A biblioteca recomenda, Escritores, Obras and tagged , , , , . Bookmark the permalink. 1 comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: