OS LIBROS ARDEN MAL. Manuel Rivas


oslibrosA cidade que le,lema de promoción cultural na nosa cidade, apareceu en forma de cartaces e proxectos de animación e achegamento á lectura hai un par de anos, pero tamén foi unha das referencias que desapareceron do noso antigo escudo histórico. Di Manuel Rivas en Os libros arden mal que no vello escudo da Coruña figuraba un libro aberto ao pé da torre e que daba medida da grande importancia da cultura e da lectura no noso lugar, onde tanto o faro como a caveira do xigante Xerión, acoutaban a nosa historia. Co tempo e cos avatares da historia ese libro desapareceu e, con el, outros moitos máis, os libros palpables e reais. Ardidos, queimados, expoliadas as bibliotecas e, por tanto, ceifados os camiños da cultura dunha xeración secuestrada e incerta.

Os libros arden mal, pero arden e con este auto de fe da Falanxe en pleno agosto do 36, a queima cruel e desapiadada, queimáronse as raíces do pensamento e da formación futura.

Con esa fotografía das pías fumegantes de libros, da queima vixiada polos falanxistas, armados e co brazo en alto, Rivas comeza unha novela polifónica, poliédrica, que crea un mosaico de memoria xunto coa xente e os tixolos da cidade, recanto a recanto toda Coruña vai tomando unha voz de séculos que declarao seu auxe e a súa caída.

Cando un grupo de mozas e mozos republicanos van debullando as súas historias e entrelazándoas, asistimos á reconstrucción dunha cidade e o seu desenvolvemento a través dunha guerra que pasou de refilón para uns e de cheo para outros, prantexando a reconstrución da esperanza e da formación dos plans de futuro a través do medo, da fuxida, da emigración, da volta ao pasado.

O expolio das bibliotecas públicas e dos ateneos culturais e das coleccións privadas –como a de Casares Quiroga, na rúa de Panadeiras- constitúe a grande metáfora que é a espiña dorsal de OS LIBROS ARDEN MAL, a queima do futuro e das posibilidades dos novos, a desaparición de toda referencia para o pensamento, a formación e promoción das vindeiras xeracións tras da postguerra, caídas na involución e o retroceso cara ao que cada guerra nos leva –ou nos devolve-, no banzo primeiro da inxustiza e da incerteza que veñen da ignorancia forzada.

Polca o gaiteiro enterrador, o cantante Terranova, a misteira Olinda e a súa filla lavandeira e clarividente Ó, os boxeadores Arturo da Silva e o Hércules do Papaigaio, amigos que se crían na cultura das ruelas da antiga pescadaría, van dando testemuña dos anos previos á guerra, da placidez e os recursos que se atopan na liberdade e de cómo se destrúen todos os camiños e as unións cando estoupa a guerra, a caza, como di un dos protagonistas, que a guerra se convirte nalgúns lugares nunha auténtica caza.

No bando contrario, en non querendo falar de vencedores e vencidos, un censor que odia tanto os libros como lle fascinan, un xuíz co degoro de atopar a Biblia de Borrow pero tamén de destacar por riba de canto se lle poña diante, a súa muller, Chelo Vidal, unha pintora que reflicte o espírito de traballo e de sacrificio das mulleres pero tamén encarna a idea de liberdade e progreso. E, entrementres, personaxes reais que conforman os ganduxos deste lenzo, o ditador de corpo presente, o pintor Urbano Lugrís, Sada, cos seus “atentados” de pinturas no Azor, o ideólogo nazi Carl Schimdt, e o grande prexudicado do cambio de tercio, o perseguido até o expolio e a aniquilación do seu nome e a súa sombra: Santiago Casares Quiroga.

Novela dura pero fluida, novela río de seu, traza con rapidez unha senda que aos de aquí nos fascina e nos atrapa polo efecto espello que provoca a identificación para o lector se se presinte no que se narra. Recoñecemos os lugares, sóannos os nombres e as anecdotas, ás veces voltas a enlear polo tempo, máis cargadas de tintas e de esaxeración, pero recentes aínda no noso patrimonio intanxible.

Curioso ver como os aparentemente inconexos capítulos iniciais nos levan até unha confluencia no auto da queima, todos os protagonistas xiran arredor do lugar das follas ardendo e do fume, dalgún xeito chegaron alí para ollar, para doerse ou tratar de rescatar unha ínfima memoria, o olor das páxinas queimadas grabado para sempre no narís, os libros como despoxos de animais mortos, e alguén que recoñece unha capa coñecida, que arrisca a punta dos dedos nas brazas, que fica luxado co tisne, pero que aínda sabe que os libros arden mal, pero que nos fan vivir e que nos salvan.

 

manuel_rivas

OS LIBROS ARDEN MAL É UNHA DAS NOVELAS GALEGAS MÁIS PREMIADAS DE TODOS OS TEMPOS:

MANUEL RIVAS na wikipedia http://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_Rivas

Manuel Rivas en El poder de la palabra http://www.epdlp.com/escritor.php?id=2214

Advertisements

Posted on 29 Maio, 2013, in Club Monte Alto, Libros lidos, Obras and tagged , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: