Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas


No club de lectura de Os Rosales, Café con libros, queremos celebrar o Día das Letras Galegas lendo galego, lendo Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.

A obra

Memorias dun neno labrego é o libro máis lido da historia da literatura galega e tamén o máis traducido a outros idiomas, contabilízanse unha vintena de traducións, ademais da novela a través da que moitos lectores inícianse na lectura en lingua galega.

“Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre”.

Así comezan as reflexións do neno protagonista. Balbino é un neno da aldea, que ten que se bater coa pobreza e as inxustizas da sociedade galega de entón. Nela, Neira Vilas pretendía contar como era o estilo de vida nos anos corenta dun rapaz labrego de doce ou trece anos nunha aldea galega, concretamente da comarca de Deza, na aldea de Gres, en Vila de Cruces. Malia non tratarse dun texto autobiográfico, parte dun escenario e mais dunha época concreta.

O libro tivo como primeiro lector a Rafael Dieste. Deseguido, Luís Seoane amosou o seu interese pola obra e fixo un debuxo para a cuberta da primeira edición. Foi moi ben acollido na diáspora galega e enviáronse a Galiza algúns centos de exemplares que foron divulgados e así mesmo tamén gozaron dun bo recibimento.

O autor

Xosé Neira Vilas naceu en novembro de 1928 en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra. En 1949 emigra a Buenos Aires, onde desempeña traballos diversos. Realiza estudios de comercio, música, xornalismo, literatura. Toma conciencia da identidade de Galicia, en contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela. Desenvolve un intenso activismo cultural galego. Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas e co-director do periódico Adiante. Participa na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en 1957 con Anisia Miranda, cubana. Xuntos fundan a organización libreiro-editorial Follas Novas para difundir o libro galego en América.

Publica en 1960 o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego. Nese mesmo ano, 1961, Neira e Anisia van residir a Cuba. Traballa na Administración e fai xornalismo literario. En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vintedous anos. Dende 1983 ata que se xubilou, desempeñouse como redactor-xefe da revista infantil Zunzún. Nos trinta e un anos que viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presencia da emigración galega neses e noutros países de América, e deu a coñecer diversos libros arredor do tema. Radicouse, con Anisia (escritora e xornalista) en Gres, na aldea natal, onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas.

É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e La Habana, Premio da Crítica Española na categoría de narrativa e Premio da Crítica Galega na categoría de ensaio, recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Honra e numerosos premios literarios.

Actualmente ten unha sección fixa en El Correo Gallego (“Arredor do mundo”, columna dominical) e publica puntualmente artigos culturais e de tema literario en Galicia Hoxe.

Coa conmemoración do 50 aniversario da primeira edición de “Memorias dun neno labrego”, no ano 2011 celebráronse numerosas actividades. Gustaríanos deixarvos no blog unha mostra: un fragmento de “Memoria das memorias dun neno labrego” do actor Cándido Pazó, xunto coa compañía Abrapalabra:

Na sesión do club de lectura do día 22 de maio comentaremos este libro imprescindible da nosa literatura e entregaremos xa a que será a nosa derradeira lectura deste curso 2012-2013: El palacio azul de los ingenieros belgas do autor Fulgencio Argüelles.

Advertisements

Posted on 17 Maio, 2013, in Club Os Rosales, Libros lidos and tagged , . Bookmark the permalink. 3 Comentarios.

  1. .Teresa .Rodriguez

    Libro entretenido pero de dificil lectura, con el diciomario en la mano. Nos vemos el miércoles.

  2. Mis citas favoritas ….

    Memorias dun neno labrego (Xosé Neira Vilas)

    Eu son … Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre.

    Eles (os nenos da vila) ignoran o que eu penso mentres boto ó corpo un gurrucho de caldo con broa. Ou o que sinto cando estou no monte pingando, aterecido, vendo por entre a chuvia un fantasma bretemoso en cada árbore.

    A aldea é unha mestura de lama e fume, (…) Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos foguetes a ata rimos, pero somos tristes.

    Eu quixera andar mundo. (…) Por iso escribo.

    Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo.

    Escribir no caderno – ¡quen o diría!- é coma baldeirar o corazón. Parece un milagre. Pois á fin de contas non pasa de ser unha conversa comigo mesmo.

    Son Balbino. Un rapaz de aldea. Un ninguén.

    Choraba e ninguén facía caso de min. Ninguén ollaba as bágoas que me relucían nas fazulas.

    Queren que chegue a home antes de tempo. E eu teño moitas ganas de medrar. Pero coa gana non abonda.

    Cadaquén deulle a súa alma a gardar ó cura, e o cura non fai máis que estragarlla. Ninguén pensa pola súa conta. Pensar é pecado.

    Non chorei, pero sentín tamén coma se me doese unha cousa que non me doe. ¡Que sei eu! Coma se me doese a alma.

    Non sei por que hai xente que ten un tempo para cada cousa. Tempo de tolear no Entroido e logo facer de choróns na coresma.

    … divírtome coa xente, que troca de caríz segundo o calendario.

    Debe ser boa cousa chegar a grande. Os grandes son donos de si e do mundo. Fan e desfán, gobernan, arman o merlo con guerras, negocios e canta trangallada hai. Pero, como di a madriña, “non sempre é ouro o que reloce”. Os grandes teñen as súas tristuras e desacougos. E ás veces inda nos gañan en rapazadas.

    As nosas mans son pequenas e non magoan; as deles pesan, fan doer.

    Nós vimos ó mundo cunha alforxa de preguntas.

    … calamos. Porque é perigoso non calar a tempo.

    Coma se para ser grande non tivesen que pasar anos. Porque o tempo non acelera nin se detén. Marcha sempre ó mesmo paso. E segundo o que procuremos detrás del, pode parecernos que bole ou que demora.

    Hai cousas que non entendo. Tal vez teña que medrar para entendelas. Cousas que van aparecendo en min, cousas que vou sentindo a medida que pasa o tempo. Non sei por qué pero dame vergoña falar delas na casa.

    … todos ignoramos máis do que sabemos …

    Porque o tempo o mesmo cura ferida que fai apodrecer árbores

    Dóeme que a xente ande polo mundo como andas as vacas e os burros: procurando soamente o pesebre.

    Ás veces, a mellor maneira de explicar algo é calando.

    O mundo é unha roda, e nós facémola andar. Cadaquen afinca de acordo coa súa forza.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: