O lector


Conmoven, neste libro, as dúas acepcións do verbo ler, unha como a facultade aprendida de xuntar os signos para descifrar mensaxes e a outra, que provén da aprendizaxe do anterior, e que consiste no grande pracer, na afección, no vezo, incluso, que provoca o embocar un libro -calquera que sexa- e que as súas mensaxes nos atrapen e nos leven e nos asistan.

O mozo Michael Berg é consciente deste pracer lector, por iso le para Hanna, abre os seus libros para indicarlle o camiño a seguir, como quen guía un cego. Ela acaba de axudalo na rúa, el vén de levarlle flores en resposta, ela ten que deixalo entrar, el foxe e logo volve e, de socato, os dous, con décadas de diferenza na idade, vense igualados polas experiencias pracenteiras do sexo e da lectura. Ela escoita, el finxe ser quen se deixa ver nos libros, ela soña…

Un estudante de quince anos e unha revisora de tranvía de máis de trinta, xúntanse cada tarde durante unhas horas para adentrarse o un no outro e os dous xuntos nun libro. Son rituais de intimidade solemnes, anónimos para o resto do mundo, agochados, até  que a vida vai  facendo xirar á xente mudando a dirección, separándose os seus camiños.

Pasados varios anos, nos que Berg remata a carreira de dereito e comeza as súas prácticas xurídicas, os camiños dos dous volven cruzarse nun xuízo que se está a levar a cabo contra varias coidadoras dun campo de concentración. Entre os apuntes, os profesores, avogados e testemuños, Michael pode recoñecer á que fora a súa compañeira de cama e lectura, a quen se responsabiliza de horribles crimes.

Dar co segredo da súa antiga amante desatará na conciencia de Michael un dilema sobre o silencio ou a delación, que suporía a diferenza entre a culpabilibade e a inocencia -daquela maneira- de Hanna.

O autor emprega esta historia tan sinxela para reflexionar sobre os termos de conciencia, de supresión da culpa, da extinción ou non das responsabilidades, na longa postguerra alemá. O contrapunto entre esquecer para non facer sangrar as feridas aínda recentes no momento da novela e a súa presentación pública para representar un exemplo da deshumanización na que non hai que caer, é un dos puntais de O LECTOR.

O calar e o falar, no caso de Michael, e o aprender ou desaprender, no de Hanna, fannos pensar na desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres na época e, sobre todo, coas circunstancias engadidas -e das que non falaremos aquí por non facer un spoiler da obra- de cada un dos protagonistas. Un rapaz de 15 anos que consigue formarse, e unha muller de trinta e tantos que ten que tomar unha terrible decisión precisamente por non ter opcións entre as que escoller.

A diferenza entre os futuros dos dous e mesmo a súa coincidencia depende, por riba de todas as cousas, dalgo tan sinxelo como grandioso: o ler.

Advertisements

Posted on 16 Abril, 2012, in Club Monte Alto, Libros lidos, Obras and tagged , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: