DIARIO DUN ANNUS HORRIBILIS


1664 foi o ano da grande peste que esquilmou grande parte da poboación londiniense. Precedida a catástrofe case dunha maneira esotérica e premonitoria pola pasada dun meteorito moi cerca da terra e que se puido ver desde o lugar que logo sería arrasado, a grave peste foi asumida como unha desgraza enviada como castigo, e contra a que pouco se podía facer.

Así o entendeu e deixou constancia Daniel Defoe que, aínda que moi novo (nacido en 1660), foi testemuña e sobrevivinte da vaga de mortes, polo que aporta a súa visión totalitaria, á maneira dunha relación de mortos, parroquias, andacios, remedios e medidas tomadas polas autoridades, no que el considera un DIARIO DO ANO DA PESTE pero que se separa de selo por razóns estilísticas.

Pese a constituir unha crónica fiel e pormenorizada, progresiva, que vai desde a aparición dos primeiros casos da doenza en parroquias cercanas ó que aínda hoxe é o núcleo principal de Londres, Defoe baséase en documentos reais, listados periódicos de enterramentos e actas e bandos en que se nomean especialistas médicos e se dan a coñecer medidas que poidan frear a rápida extensión da sombra da morte e da desolación que deixa ao seu paso.

Formalmente non podemos falar dunha novela; non existen personaxes -agás na historia dos tres amigos-, nin hai unha intención de ser unha reportaxe xornalística, ao non existir concreción de datos e ás veces parafraséase, retórnase a puntos que rozan a mera sucesión de anecdotas e datos sen orde concreta.

Falar de Daniel Defoe é falar de Robinson Crusoe, de Moll Flanders, pero tamén de vida picaresca, de débedas, de cartos gañados de todos os xeitos posibles, de activismo político desordeanado e de condeas públicas á picota.

É curioso pensar que o libro está escrito en plena efervescencia da Ilustración, da busca da razón que pasa por enriba das portas pechadas que impón a fe, xa que o puritanismo presbiteriano que emana dos argumentos de Defoe impregnan o DIARIO dun pouso moralizador, dunha xustificación do castigo polo crime, onde se chega a dicir que “Deus actúa a través de causas naturais”, outorgándolle ás súas palabras e á obra en si, outra nova posibilidade, a de ser tratada como unha narración histórica dentro dun sermón filosófico (máis ben relixioso) e moral.

Lonxe, moi lonxe, queda o valor de divertimento desta obra, o interese para o lector resúmese no coñecemento dunha época dura, a situación de emerxencia nun momento dado, a súa progresividade e a visión das medidas, a través do ensaio e o erro, na busca dunha fin para a situación.

Familias que abandonan as súas pertenzas e marchan sós cara ao campo. Casas pechadas e rúas enteiras desoladas por falta de habitantes ou pola terrible mortandade. Familias enteiras emparedadas nas súas casas, sen discernir os membros aínda sans dos xa morredeiros, e funcionarios posto ao servizo da vixiancia das ditas familias, contadores de mortos, espías de fuxidos, ignoradores de pregarias, auxiliares da morte.

Curioso tamén é o feito de que o autor se apropie como testemuña duns feitos reais, cos que conviviu pero desde a desmemoria que dá o contar con só catro anos de idade. Mais aínda así a historia funciona porque se basea na experiencia, porque o coñecemento construído sobre dela irradia verosimilitude e, máis alá, verdade. Defoe constrúe o seu ensaio sobre os recordos da infancia, as anecdotas escoitadas, as lecturas de tratados e documentos oficiais do suceso e tamén as conversas mantidas con supervivintes. O valor chega a través desta verdade, o que pode facer o lector é asumir cómo empregar este falso diario, se como unha xanela a un tempo e un espazo esgotados, ou como un sermón cargado de asunción do castigo, de conformismo.

Advertisements

Posted on 13 Febreiro, 2011, in Club Monte Alto, Libros lidos, Obras and tagged , . Bookmark the permalink. 1 comentario.

  1. Defoe, de seguro escolleu o conformismo. Eu prefiro quedarme co real, co reflexo dunha sociedade sen avances pero non moi diferente da actual.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: